Prudencia en Navantia

Prudencia en Navantia

29 de Xaneiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Unha avaliación inicialmente positiva realizan os representantes dos traballadores de Navantia e Barreras tras a obtención do contrato para construir nos estaleiros de Ferrol, Fene e Vigo, 2 buques - flotel. Solicitarán agora unha reunión coa dirección da empresa pública para coñecer os prazos da construción e o nivel de ocupación que xenerarán os barcos. Fontes oficiosas apuntan que a construción se prolongará por 30 meses

  A subsidiaria da petroleira mexicana Pemex, PEP (Pemex Exploración e Produción), adxudicou a construción dos seus dous floteis aos estaleiros galegos Hijos de J.Barreras e Navantia-Ferrol.

   A resolución do concurso, ao que as dúas empresas galegas concorreron en alianza con PMI --outra filial de Pemex-- coñeceuse pasadas as 20,00 horas deste martes, hora mexicana, as 3,00 horas do mércores en España.

   O custo de construción é de 407 millóns de dólares cada unha das embarcacións (298 millóns de euros).  O obxectivo das embarcacións é servir para aloxar os traballadores dedicados ao mantemento e construción de infraestrutura en zonas mariñas.

   A empresa explicou que, tras a presentación das propostas técnicas e económicas, a oferta presentada por PMI Norteamérica S.A. de C.V. resultou gañadora en ambas as dúas partidas "co prezo máis baixo solvente", de entre as sete propostas que se seleccionaron para a última fase.

   O proceso, engade Pemex nunha nota de prensa, foi "totalmente transparente e auditable" e realizouse "con estrito apego ás normas aplicables".

   A adxudicación coñeceuse tras sucesivos atrasos na data para facer público o fallo, que inicialmente estaba previsto para setembro de 2013, aprazouse a novembro e, posteriormente, ao 6 de decembro, para volver cambiar a data e fixala no 30 de decembro. Non obstante, a empresa xustificou un novo atraso, ata o 28 de xaneiro de 2014, pola "imposibilidade" de emitir "en tempo e forma" a resolución.

Sociedade