Que denuncien

Que denuncien
22 de Marzo, 2024 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Que denuncien e que o fagan saber, esconder as cousas non conduce a nada máis que a aportarche máis sufrimento”, aconsella a todas as vítimas de violencia machista unha muller pioneira. A veciña de Maniños Balbina Lopez Gómez foi a primeira muller axente xudicial de Ferrol. Sobre violencia machista, entre outros moitos temas, falamos con ela no espazo Sementando Igualdade da Concellería de Benestar. Presentouna María Xosé Paz Rodríguez, pedagoga do Concello de Fene.

ESCOITA O PODCAST:

Balbina ten 80 anos. Naceu na Coruña e comezou traballar aos 17 nas Galerías María Pita. O 20 de xaneiro de 1963. Despois incorporouse á acreditada Xoiería Malde, onde botou dez anos, antes de sacar as oposicións do Ministerio de Xustiza. Nai dunha filla e un fillo, Balbina pertence a unha saga de mulleres afeitas a traballar fóra da casa. “En cuestión laboral de mulleres podo remontarme a finais do século XIX. Tiven una bisavoa era cigarreira. Vivían en Pastoriza e ía ata a Fábrica de Tabacos, na Palloza, andando descalciña cun mantonciño cando chovía no inverno”. Súa avoa Balbina tivo unha casa de comidas. Ela axudou economicamente na casa, cando súa nai quedou viúva cunha pensión pequena e dúas fillas que sacar adiante. Formou a súa familia en Ferroltera. Seu home traballou en Astano. Hoxe aproveita o tempo libre asistindo a moitas actividades, como os Seráns Activos do Concello de Fene. En todas, a maioría son mulleres, asegura. 

 

Institucional

Publica o teu comentario agora