Quintanilla Martinez: a unión de socialismo e galeguismo

Quintanilla Martinez: a unión de socialismo e galeguismo

10 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A persoalidade do alcalde de Ferrol Xaime Quintanilla Martinez é clave á hora de analisar a confluencia entre as ideas galeguistas e o socialismo. Durante 20 anos o doutor Quintanilla intentará conxugar a defensa da lingua e da cultura galegas coa militancia no PSOE e na UXT.

Quintanilla naceu na Coruña en 1898. Despois de cursar estudos na Universidade de Santiago gaña unha praza de médico en Ferrol en 1917. No mesmo ano aparece como fundador da Irmandade da Fala. A súa obra cultural será inxente e de grande importancia. Dirixe a revista Céltiga, o xornal El Correo Gallego e o voceiro dos socialistas ferroláns El Obrero. Escribe obras de teatro como Alén e A Donosiña, intervindo nas representacións das mesmas no Teatro Jofre. Afiliase ao PSOE en 1920.

 

En 1931 sae elexido alcalde de Ferrol. No primeiro semestre de 1936 desenvolve unha incesante actividade a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia, pero o seu ideario galeguista non está reñido cunha visión universalista. Así en 1933 o Embaixador de Francia en España manifesta o desexo de conceder a Quintanilla o grao de Cabaleiro da Lexión de Honor pola cordíal acollida dispensada ás unidades da escuadra francesa.
O incesante labor cultural, a atención médica aos máis desfavorecidos e os méritos conqueridos no extranxeiro non serán suficientes para impedir o seu fusilamento, que terá lugar no castelo de San Felipe en Ferrol o 17 de agosto de 1936.

Sociedade