Ramiro Couce Amado, o gaiteiro de Sevilla

Ramiro Couce Amado, o gaiteiro de Sevilla

08 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Fíxose gaiteiro en Sevilla. Ramiro Couce Amado naceu en 1942 en Pontedeume. A súa familia trasladouse á capital andaluza en 1955. Ramiro levou unha gaita, un tambor e un manuscrito musical. Pouco a pouco vai aprendendo a tocar o instrumento, sendo el mesmo o seu propio mestre. Era un gaiteiro autodidacta. Faleceu o 20 de xuño de 1997.

El fundou a banda de gaitas Airiños de Fene, o grupo de piragüismo Abrente, Os Troveiros do Nadal, colaborou na recuperación do Entroido e en actividades de promoción do sendeirismo. En poucas iniciativas culturais ou musicais da comarca de Ferrol non estaba presente Ramiro.
A I Xuntanza de Xoves Gaiteiros celebrouse o 10 de decembro de 1988 na Casa da Cultura de Fene. Daquela rendiuse homenaxe a Antonio Leira Diaz "Patolo", músico profisional, fundador e director de varias agrupacións musicais de Pontedeume e da comarca. A raíz da morte de Ramiro, o evento pasou a denominarse Xuntanza de Gaiteiros Memorial Ramiro Couce.

Ramiro Couce en 1957 en Sevilla xuntouse cun feixe de emigrantes galegos. Forman o Lar Galego de Sevilla. El será o seu gaiteiro e animará musicalmente as actividades da entidade ata 1962. Fai o servizo militar en San Fernando en Cadiz. Alí forma tamén un grupo de gaitas. A partir de 1966 retorna a Galicia asentandose en Perlío. En 1971 fórmase a rondalla Arpegios de Perlío na que participa durante 8 anos. En 1996 a banda de gaitas Airiños de Fene homenaxeou ao seu fundador Ramiro Couce.

En 1975 Ramiro forma o grupo de gaitas da sociedade Agarimo de Sillobre. Tamén participa na criación do grupo de punteo en San Valentín en 1981. Impartirá clases de gaita de xeito desinteresado en numerosas sociedades de Fene e Valdoviño. Ademais de colaborar na recuperación do Antroido, tamén impulsa o canto de panxoliñas polas rúas na época do Nadal. Forma un grupo de 18 persoas denominado Os Troveiros do Nadal, que recorrerá vilas de Galicia durante os nadais de 1987 a 1991.  Cos rapaces e rapazas da banda de gaitas, Ramiro Couce pretendia sempre motivalos para continuar no mundo da música. Por iso propiciou a formación de grupos musicais.

En 1986 creou a banda de gaitas Airiños de Fene, con alumnos e alumnas das escolas municipais. Con algúns dos compoñentes da banda, creará en 1992 o grupo folc Silvardeira. Continua impartindo clases de gaita en Maniños e en Meirás, en Valdoviño.

Segundo as palabras do seu amigo Rafael Corbalán, “Ramiro desenvolveu un labor importantísimo na recuperación da música tradicional na nosa comarca, pero por riba de todo, foi un home bó e xeneroso. Foi outro dos galegos que coa súa obra está a facer que Galicia dure moitas primaveras máis”.

Sociedade