A Rapa das Bestas de Cedeira reunirá a uns 200 cabalos salvaxes

A Rapa das Bestas de Cedeira reunirá a uns 200 cabalos salvaxes

30 de Maio, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Cedeira celebrará a súa tradicional Rapa das Bestas a última fin de semana de xuño. A piques de cumprir os corenta anos de existencia, a rapa terá lugar os días 29 e 30 de xuño e 1 de xullo no corazón da Serra da Capelada. Organizada pola Asociación ecuestre “A Crina” coa colaboración do Concello, o evento reunirá a máis de douscentos cabalos salvaxes. Unha cita de obrigada asistencia.

Cedeira celebrará a Rapa das Bestas a última fin de semana de xuño. Organizada pola asociación ecuestre “A Crina”, co patrocinio do Concello e a colaboración dos comerciantes do municipio, trátase dunha das festas máis tradicionais da vila. Dende hai preto de corenta anos, se vén celebrando en pleno corazón da Serra da Capelada. Neste sentido, Concello e asociación invitan a toda a veciñanza a seguir este auténtico espectáculo os días 29 e 30 de xuño e 1 de xullo.

Máis de douscentos cabalos salvaxes participarán este ano na cita, que arrancará o enres 29 de xuño ás 10 horas, coa xuntanza das bestas. Unha iniciativa que é posible grazas á colaboración e destreza dos gandeiros da Serra da Capelada. Estes traballos prolongaranse durante toda a xornada do venres e tamén do sábado. Este último día, a organización prevé instalar, a partires das 18 horas, unha gran carpa na zona do merendeiro con música para disfrute dos asistentes, así como para aqueles veciños e veciñas que decidan pasar ese día de acampada.

O domingo, 1 de xullo, será o día principal da Rapa das Bestas. Así, a partires das 11 horas, os cabalos baixarán ao curro, para comezar coa rapa e a marcaxe, e iniciar a xuntanza de garañóns. Actividades que se acompañarán de música tradicional galega a cargo dun grupo de gaiteiros da vila. Xa pola tarde, a partires das 16 horas, realizaranse unhas probas con cabalos xa amaestrados e de montura. Serán probas de andadura, de trote e de galope. Aqueles que desexen participar deberán inscribirse pola mañá, entre as 12 e as 13 horas. Haberá trofeos para os tres primeiros por categoría. Por último, a organización sorteará un poldro nacido na mesma Serra da Capelada.

Sociedade