Reedítase o bipartito do BNG e PSOE en Pontevedra

Reedítase o bipartito do BNG e PSOE en Pontevedra

21 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

BNG e PSOE volverán gobernar en coalición a cidade de Pontevedra. Os dous grupos chegaron esta mañá a un acordo tras case un mes de negociacións para repartirse a competencias. Así as cousas, a xunta de goberno formarana sete edís nacionalistas e dous socialistas.

Malia que o PSOE viu reducida á metade a súa representación na cidade do Lérez, con tres concelleiros, por 11 do Bloque e outros 11 do PP, volverá contar cunha tenencia de Alcaldía, a única do Concello, que será para o ex delegado do Goberno, Antón Louro. Ademais, o PSOE xestionará os departamentos de Urbanismo, Promoción Económica, Deportes e Educación. Quen ocupará cada cargo e as asignacións exclusivas deberán decidirse nun pleno previsto para o xoves.
 

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores adiantou que malia que traballará por reducir o gasto corrente, buscarase aumentar as achegas para promoción económica e social e tentarase orzamentar para investimentos unha cifra que podería aproximarse aos 75 millóns de euros. Con todo, aínda hai cousas que concretar, explicou o rexedor nacionalista.

Pola súa banda, o socialista Antón Louro declarou que o goberno bipartito será un goberno de "diálogo", entre as dúas forzas, pero tamén coa cidadanía.

Sociedade