Requerimento pola autoría dos cadros dunha exposición

Requerimento pola autoría dos cadros dunha exposición
29 de Xaneiro, 2020 - 06:59 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, vén de remitir un requerimento a Ana Basoa Rioboo, autora da exposición “Poñendo luz á noite” que alberga actualmente a sala de exposicións do Museo do Humor, para que acredite por calquera medio válido en dereito que son da súa autoría todas as obras expostas nesta mostra. Unha decisión que o rexidor adopta logo de ver o contido do informe emitido pola responsable do Museo do Humor de Fene sobre a exposición, e tras analizar as denuncias recibidas que afirman que se pode estar incorrendo nun presunto plaxio (facilitando os enlaces de distintas páxinas web e o certificado de autenticidade dunha das obras presuntamente plaxiadas e que tamén forma parte do cartel anunciador da exposición). Sinalao así o gabinete de prensa da alcaldía nun comunicado. 

Así mesmo, o requerimento ten en conta que o Concello de Fene facilita o uso das súas instalacións e comprométese a darlle publicidade a exposición por medio de saúdas, difusión en prensa, etc., polo que podería incorrer na colaboración cun presunto delito. Por último, e respeto aos criterios de cesión do espazo, cuestionados nos últimos días en redes sociais, dende a dirección do Museo do Humor quérese aclarar que no caso da cesión da sala de exposicións para a realización de exposicións a cargo de persoas particulares, dende o Departamento de Cultura non se seguen criterios artísticos. Partindo da consideración de que a sala é un espazo público no que a veciñanza e os artistas emerxentes poden someter a súa obra a xuízo do público e á crítica colectiva, non se entra nin nos contidos nin nas técnicas empregadas. Só na salvagarda dos dereitos cívicos. Así mesmo, apúntase que o criterio que se sigue para a cesión da sala de exposicións temporais a persoas particulares é a orde de rexistro no Rexistro Xeral do Concello de Fene. De igual xeito, un/ha artista só poderá volver expoñer nesta sala de exposicións logo de dous anos dende a súa última exposición.

Institucional

Publica o teu comentario agora