A Residencia “Geriatros” de Laraxe convertida nunha cadea de produción

A Residencia “Geriatros” de Laraxe convertida nunha cadea de produción

17 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Presións, ameazas, medo presiden o ambiente entre as traballadoras da Residencia de maiores “Geriatros” de Laraxe, segundo declarou  esta mañá o comité de empresa do centro de Cabanas (A Coruña). Unha situación que viven desde xullo co cambio de dirección. A pinga que colmou o vaso foi o despido o pasado 2 de marzo da xericultora, Socorro Pena, acusada de maltrato. A Confederación Intersindical Galega cualifica esta acusación de

“Un conflicto que vai dar moito que falar” anunciou esta mañá o secretario comarcal da CIG, Xesús Anxo Pintos. O comité de empresa salienta a calidade dos servizos prestados na Residencia de Laraxe. Acusan á dirección do centro de presionar ás traballadoras esixindo máis rapidez no labor diario. Algo que iría en detrimento da atención aos maiores, segundo a central nacionalista. Denuncian a falla de cobertura das baixas, a non concesión dos dias de libre disposición e a inexistencia de respecto para as xornadas de descanso. O que lle importa á empresa é a rendabilidade e ante a falta de persoal e medios,  a única solución que ten é presión e máis presión, segundo a presidenta do comité Flor Fernández.

Agora para extender o medo entre o plantel despediuse á delegada sindical Socorro Pena. Unha empregada con 15 anos de antigüedade na residencia de Laraxe e que nunca recibiu queixa algunha. Para Pintos trátase dunha aberración acusar de maltratadora a unha xericultora. Sinala que é como chamarlle narcotraficante a un policía. A traballadora despedida síntese impotente e pide xustiza.

8 representantes da Confederación Intersindical Galega e 1 de CCOO forman o comité de empresa da Residencia da terceira idade de Laraxe. Os representantes sindicais barallan a presentación dunha querela criminal por difamación e inxurias. Polo momento levarán a cabo unha concentración diante da residencia mañá xoves de dúas e media a tres e media da tarde e teñen programadas folgas para o 8, 15 e 22 de abril. Denuncian o que cualifican como funcionamento irregular. Reclaman a readmisión da traballadora despedida. Ante unha inxustiza non se quedarán cos brazos cruzados, afirma a Confederación Intersindical Galega.

Sociedade