Ribadeo vota a favor da defensa do seu litoral

Ribadeo vota a favor da defensa do seu litoral

29 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O pobo de Ribadeo apoiou as teses de defensa do litoral da Organización Ecoloxista Adega. O referendo popular organizado por esta asociación polo Día da Terra amosou un apoio case unánime, xa que das 103 papeletas emitidas, 102 foron a favor da costa conservada e só unha a prol da costa urbanizada.

Esta non foi a única acción desenrolada por Adega na vila lucense. A través dun mural fotográfico colocado no parque municipal ribadense retratáronse varios exemplos da actual situación dalgúns puntos do litoral, co obxectivo de amosar e concienciar sobre o problema da excesiva urbanización e deterioro da costa mariñá.

 

Desde Adega amosaron a súa satisfacción polo éxito destas dúas iniciativas, xa que o claro triunfo no seu referendo popular deixou unha opinión implícita da xente da costa lucense, que é “que a cidadanía do litoral quere que as súas costas se conserven e se protexan fronte a especulación, a urbanización ilegal ou desmesurada e as infraestruturas innecesarias”. Esta institución ecoloxista trasladará esta mensaxe ás autoridades competentes na ordenación do litoral galego.

Sociedade