Romarías e festas esta fin de semana en Barallobre, Magalofes e Maniños

Romarías e festas esta fin de semana en Barallobre, Magalofes e Maniños

03 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Liga de Amigos de Barallobre reune este sábado aos veciños da parroquia nunha nova romaría do Camiñante. Os actos programados pola entidade fenesa comezarán ás cinco e media do serán cun pasarrúas dende o local social ate o Monumento ao Camiñante Descoñecido onde se realizará a tradicional ofrenda floral.

Finalizado o percorrido, darase paso ás actuacións musicais e de baile tradicional co grupo “Bolboretas” e coa formación da Asociación Folclórico Cultural “Donas e Galáns”. Tamén se anuncia unha sardiñada para esa tarde e, ao remate da xornada, o tradicional festival folk cos grupos Roncarela e Boj.

En Magalofes, temos cita gastronómica esta noite. A AAVV San Xurxo celebrará a partir das nove e media a súa tradicional sardiñada do San Pedro. Segundo adiantou a Radiofusión o secretario da entidade vecinal, Manolo Pico, as racións de sardiñas con cachelos e pan de millo ou trigo, serviranse ao prezo de 5 euros no caso dos non socios (namentras que os socios e colaboradores cearán de xeito totalmente gratuito). A festa organizada pola AAVV de Magalofes estará arrufada polo músico e cantante Carlos Rei.

E na parroquia fenesa de Maniños, celebran xa  este domingo as tradicionais festas do Carme. O calendario das mareas e as previsións festivas obrigaron a adiantar este ano a procesión marítima, segundo explicou a Radiofusión un dos membros da Xunta Parroquial. Jaime Fraga.
A procesión do Carme de Maniños sairá da igrexa nova ás 10 da mañá do domingo. Irá acompañada pola banda de trompetas e tambores Acotaga de Ferrol. A continuación, arredor das 11,30 h. oficiaráse a misa no peirao e logo empezará a viaxe en lancha pola ría, con ofrenda floral en lembranza dos falecidos no mar. Segundo Jaime Fraga, éste é o momento máis emotivo da xornada.
Concluída a procesión marítima e xa de volta ao peirao, a rondalla de Ares interpretará algunhas cancións adicadas á Virxe e, con este pequeno recital, porase o broche este ano ás festas do Carme de Maniños.

Sociedade