Sacar o coche á rúa sen pasar a ITV

Sacar o coche á rúa sen pasar a ITV

15 de Abril, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A privatización da electromedicina está a provocar deficiencias no funcionamento da sanidade en Galicia, segundo denuncia a Confederación Intersindical Galega. Ademais, critican que non se estean levando a cabo as "revisións" de mantemento, o que podería provocar que os aparellos "fallasen en calquera momento". "É como sacar o coche á rúa sen pasar a ITV".

A CIG asegurou que traslada periodicamente informes sobre a situación da electromedicina ao Sergas e á Consellería de Sanidade, sen que, polo momento, recibisen unha solución. O "malestar", indicaron, é "evidente" entre o persoal, que mesmo acode a quirófano "con medo e inseguridade", dado que o mantemento "non está ao día" e non existen equipos de reposto.

   Xosé Vázquez, delegado no Hospital Lucus Augusti, indicou que, cando o servizo de mantemento se prestaba con persoal do Sergas, o nivel de resolución era "excelente" e a resposta, en caso de avarías, era "inmediata".

   Con todo, desde a privatización do servizo, denunciou, un aparello para fichar os arquivos de raios en Lugo tardou 10 días en ser reparado, o que provocou que tivesen que aprazarse as citas duns 40 pacientes diarios, que, ademais, "foron derivados a centros privados".

   Así mesmo, un arco cirúrxico dun quirófano do HULA, explicou Xosé Vázquez, estivo "un mes nun corredor avariado", ata que se denunciou o caso e reparouse.

   Os delegados da CIG denunciaron ademais que, en ocasións, están a producirse "discusións" entre a empresa adxudicataria e a administración sobre de quen é a competencia para arranxar determinadas avarías, o que provoca "atrasos".

   Na Coruña, segundo explicou o delegado Rafa Pérez, un electrobisturí leva "semanas fóra de servizo", cos consecuentes atrasos; mentres que no Hospital de Conxo, en Santiago, varios equipos de endoscopias están sen reparar, un problema que tamén existe no HULA.

   Os responsables do sindicato enumeraron unha lista de deficiencias en distintos centros, como o caso do Hospital do Barco, onde a sala de raios X de Philips leva "catro semanas parada" ou o Hospital de Pontevedra, onde existen "problemas cos mesturadores de osíxeno en neonatos" e respiradores que levan "semanas" fóra de servizo.

   O sindicato considera que a privatización deste servizo está a ter un "alto custo" para a administración en solucións de emerxencia, como o traslado da muller de parto de O Barco que foi derivada a Ourense de urxencia por unha avaría nunha incubadora.

   Ao mesmo tempo, criticaron que non se están cumprindo "as condicións do contrato e que o persoal que traballa no mantemento destes aparellos "non ten a formación nin a experiencia necesarias".

   En contraposición, os especialistas do Sergas que realizaban anteriormente este mantemento, "que tiñan formación para iso", atópanse realizando "outro tipo de labores" de menor cualificación ou "no seu posto, pero sen nada que facer". "Non hai eficacia, nin eficiencia nin aforro. É unha falacia", denunciou María Xosé Abuín.

   O sindicato comprometeu que continuará a súa "reivindicación" para que se restitúa "o servizo de electromedicina "con garantías" dentro do sistema público e alertou das consecuencias que terá a "privatización do servizo de esterilización" que expón a Xunta.

Sociedade