Sae do prelo “As dúas viaxes” de Xaquín Marín

Sae do prelo “As dúas viaxes” de Xaquín Marín

20 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“As dúas viaxes” recolle, por un lado, unha das historias que Xaquín Marín levou ao cómic nun álbum editado no ano 1974, conxuntamente con Reimundo Patiño. Trátase dun cómic de ciencia ficción, inspirado na Viaxe ao país dos ananos, de Celso Emilio Ferreiro, e protagonizado polo Capitán Celta, “unha especie de Superman galego”, afirma o debuxante fenés.

Nunha entrevista en Radiofusión, Marín lembrou que neses anos, a comezos dos 70, “adoitaba recurrir con frecuencia á ciencia ficción e ao futuro porque era ideal para dicir cousas que non conviña dicir en presente”. Tamén engadiu que nesta historia “non hai malvados senón deixados, que son os que perden o tempo sen axudar ao seu país”.

O novo libro de Xaquín Marín recupera tamén unha historia anterior, a de “Buscando otro mundo”,  o primeiro cómic longo realizado polo ilustrador galego ao redor do ano 1971.  Neste caso, é a “historia dun home que anda á procura dun mundo distinto, sen censuras, sen ídolos de barro nin problemas”.

Como curiosidade, Marín lembra que o cómic foi realizado inspirándose nos debuxos de grandes ilustradores aos que él admiraba naquel momento, como Juan Carlos Eguillor ou Jean Claude Fores. Daí que aparezan no relato, e acaden tamén certo protagonismo, personaxes como Sara Montiel, Urtain, Juan Pardo ou Andrés Dobarro.

Sociedade