Samuel Juárez pon á Moexmu como referencia dun moderno sector agrogandeiro galego

Samuel Juárez pon á Moexmu como referencia dun moderno sector agrogandeiro galego

12 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A XXVI edición da Mostra e Exposición de Muimenta (Moexmu) contou cunha gran participación de xente que visitou o recinto feiral Manuel Vila López para ollar de preto as principais novidades en maquinaria agrícola, así como o XXIV  Concurso de Gando e asistir á poxa de reses de rubia galega. O venres deu comezo a decana das feiras agrogandeiras luguesas coa presenza do Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, o delegado do Goberno en Galicia, Xo

Foi o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, quen presidiu a inauguración e o encargado do corte da cinta inaugural. Tras esta formalidade, Juárez fixo un percorrido pola mostra acompañado polo alcalde de Cospeito, Armando Castosa.

Foi o propio edil chairego quen abriu a quenda de intervencións destacando o motivo de “orgullo” por acoller unha feira que leva  deu “o primeiro paso en 1985” e que supón un “impulso económico moi importante para o municipio”. Castosa continuou gabando a capacidade de traballo e de esforzo dos veciños de Muimenta”, que puxo como exemplo “para poder facer fronte á crise económica”.

A continuación tomou a palabra o Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, que redundou na idea expresada por Castosa, cando afirmou que “so traballando se pode saír destes tempos complicados”, e puxo como referente á Moexmu. Juárez tamén indicou que este evento representaba “un sector gandeiro ben moderno, que evolucionou ben nos últimos 20 anos, nos que se fixeron grandes avances e ao que hai que seguir axudando para que poidan seguir evolucionando e poida saír reforzado desta crise”. Para rematar, estableceu que o seu departamento traballará “para continuar sendo un referente do universo agrícola en españa e en Europa”.

Por último, os irmáns Vallejo, Sergio e Diego, actuais campións de España de Rallies, foron os encargados de facer o pregón esta XXVI edición, no que recordaron os seus comezos como condutores de coches en Muimenta, onde gañaron o seu primeiro trofeo.

Superficie

A superficie total de exposición foi de 25.500 metros cadrados, dos cales 15.000 estiveron ocupados por maquinaria nova e usada, coches, motos e quads. O espazo aumentouse este ano coa colocación dunha carpa cuberta de 500 metros e tres máis pequenas de 13,5, destinadas  a expositores.

Emisión a través de Internet

Entre as novidades deste ano estará a súa retransmisión a través de Internet, posto que se instalarán en lugares estratéxicos do recinto “Manuel Vila López” dúas cámaras que permitirán emitir a través da rede as evolucións da mostra a todo o mundo. Esta experiencia xa tivo lugar na pasada feira de artesanía con bo resultado.

Convenio coa USC

O propio alcalde de Cospeito, Armando Castosa, e o representante da Comisión organizadora, Xosé Manuel Rus, tamén informaron do asinamento dun convenio de colaboración entre o concello chairego, a Comisión Organizadora e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), para desenrolar futuras edicións da Moexmu ademais doutros sectores produtivos da zona, posto que se incluirán diferentes cursos, charlas, así como unha política de I+D dentro do municipio. O acordo está xa redactado, tal e como dixo Castosa, e falta a aprobación e firma das partes. “O convenio non é so para a Mostra, senón que ocupará aos sectores produtivos do concello, ademais de ofrecer formación e investigación”, estableceu o edil popular.

Concurso de gando

Os premios da edición número XXIV do concurso de gando deixoulle á gandaría lucense Pozo o premio de mellor vaca; mentres que a chantadina Suatorre logrou o galardón de mellor media de produción; as sarrianas de Vilar de Susao e Casa de Baixo conseguiron o correspondente á de índices xenéticos e cualificación morfolóxica respectivamente.  

Entrega dun escrito contra as minas de Erimsa

Representantes da Comisión de Asociacións en contra das Minas da Terra Chá entregaron unha carta ao Conselleiro de Medio Rural ao remate dos actos do venres 9 de abril. Na misiva, esta institución chairega informa ao representante da Xunta do estado das alegacións dos veciños das vilas de Cospeito, A Pastoriza, Castro de Rei, Abadín, Vilalba e Riotorto, para que non se implanten as minas de extracción de cuarzo que Erimsa quere instalar neste municipios.

Esta asociación informou a Samuel Juárez  sobre os importantes prexuízos que tería esta instalación nunha zona declarada de Especial Interese Agrario, na que existe un gran número de montes en man común e de concentracións parcelarias. Por último na carta pedíronlle ao conselleiro que “faga exercicio das súas competencias no que atingue a este proceso”.

Sociedade