San Valentín, un lugar para o amor

San Valentín, un lugar para o amor

14 de Febreiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Traballadores de Astano impulsaron en 1967 a constitución dunha cooperativa de vivendas. A empresa cedeu os terreos cunha superficie de sesenta e catro mil metros cadrados situados no lugar da “Chousa de Perlío”. Así naceu o actual barrio de San Valentin. O grupo de primeiro da ESO do CPI A Xunqueira de San Valentin investigou sobre as orixes do nome do barrio.

O presidente da cooperativa Maximino Souto Balado propuxo a denominación de “San Valentín”. Existían daquela varias cooperativas de vivendas na comarca de Ferrol con nomes de santos. Aquí caeron na conta de que ía vir vivir moita xente nova,  recén casada, ou a piques de pasar polo altar. Con moito sentido do humor, o presidente indicou que os habitantes do barrio, “ian ser xente moi namorada. A proposta pareceulles ben a todos os membros da xunta reitora, tendo ademais en conta que un dos vogais chamábase Valentín. Sometida a iniciativa a votación queda aprobado por unanimidade e inscríbese como cooperativa de vivendas de San Valentín naquel ano de 1967.

As chaves da primeira fase de San Valentín ianse entregar o catorce de marzo de mil novecentos setenta e un, pero a morte de Pedro Barrié de la Maza aquel dia obrigou a suspender o acto protocolario. As primeiras vivendas ocupáronse por Manuel Veiga Vilariño e Francisco Abeal o vinte de marzo de mil novecentos setenta e un. Entraron nas casas e ainda non habia corrente eléctrica polo que tiveron que agardar uns dias pola conexión da luz. O trinta e un de decembro de 1976, San Valentín pasou a ser parroquia en virtude das facultades do arcebispo de Santiago de Compostela.

Sociedade