Santiago acolle as Xornadas sobre saúde laboral e saúde pública

Santiago acolle as Xornadas sobre saúde laboral e saúde pública

25 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Protexer aos traballadores que reparan ou demolen elementos construídos con amianto e prestar asistencia aos traballadores que estiveron expostos a este material no pasado. Este é o dobre obxectivo que a consellería de Sanidade pretende levar a cabo, tal e como indicaba a conselleira Pilar Farjas na inauguración das Xornadas “O Amianto: da saúde laboral á saúde pública”.

Outro dos asistentes a este acto, Pedro Linares, secretario confederal de Saúde Laboral de CC.OO, indicou que o ámbito sindical non está ocupado unicamente pola crise e que estas xornadas dan mostra do traballo silencioso que están a levar a cabo as organizacións. Linares destacou a idea de que a saúde laboral é un problema de saúde pública e expresou o seu desexo de que os traballadores non sigan a sufrir os efectos producidos polo amianto.

Desde xaneiro deste ano, na zona de Ferrol iniciouse un plan de revisión de 5.640 persoas remitidas desde Navantia e que posiblemente estiveron expostas ao amianto, das que xa foron citadas o 70,75%. Destas, 105 persoas (2,7%) foron derivadas á consulta especializada en asbestose. Pilar Farjas indicou que a prevención non debe limitarse ao ámbito da empresa, senón  tamén ao entorno social e familiar, e afirmou que o SERGAS estará sempre ao servizo dos traballadores afectados.

Asemade, a conselleira tamén explicou que á problemática da drogodependencia forma parte do mundo laboral e que a intervención sobre este fenómeno debe articularse en torno a prevención, a asistencia e a rehabilitación. Por iso, destacou que se incluirá un apartado sobre o abuso de sustancias no ámbito laboral no novo plan de trastornos aditivos de Galicia.

Sociedade