Se non o vexo, non o creo

Se non o vexo, non o creo

21 de Xuño, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Un festival musical de fin de curso celebrou o Instituto de Ensino Secundario de Fene (A Coruña) na tarde de onte. Profesores e alumnado participaron en distintas actuacións musicais e entregáronse diplomas e premios do concurso de fotografía denominado “Novos fotógrafos”. A festa rematou cunha multitudinaria batucada.

A profesora Luisa Parada explicou que o papel do profesorado no certame de fotografía foi unicamente o de motivar ao alumnado. Son rapaces e rapazas que queren crear. A clase de Plástica ideou a iniciativa. A mostra é o resultado dun traballo de aula e de campo coas cámaras en ristre. O cemiterio parroquial de Barallobre foi un dos escenarios obxetivo das cámaras. Un resultado que sorprendeu ao xurado que onte outorgou premios e diplomas. A exposición pode verse no IES Fene ata o 30 de xuño.

O IES de Fene viviu tamén o Festival máis musical posible. Máis de 60 rapaces e rapazas de ESO e bachelerato foron subindo ao escenario do salón de actos onde, dirixidos pola profesora Bárbara Mourelo, interpretaron moitas cancións do repertorio pop internacional: The Beatles, Los Secretos, Fito e Fitipaldis, La Sirenita...
A profesora de Música,  Bárbara Mourelo, indicou que houbo que traballar duro para preparar o concerto.

Os rapaces aos silófonos, a profesora na batería e no órgano,  o profesor de inglés na guitarra eléctrica. Alumnado e profesores cantando, e unha apoteose final, con percusión, fixeron as delicias dun salón de actos abarrotado de xente coreando as cancións. Os pais e nais asombrados do traballo que os fillos fan no Instituto, e pensando “se non o vexo, non o creo”

Sociedade