Seis de cada dez galegos consideran desproporcionadas as actuacións policiais segundo unha enquisa do MpDC

Seis de cada dez galegos consideran desproporcionadas as actuacións policiais segundo unha enquisa do MpDC

19 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) vén de presentar o seu informe anual referente ao 2008. Para o colectivo as actuacións máis criticadas o pasado ano foron as cargas policiais, as vulneracións do dereito de igualdade ante a lei e os atentados contra o dereito de honra, intimidade e propia imaxe. O Movemento tamén presentou unha enquisa sobre os Corpos e Forzas de Seguri

Os mariscadores do Burgo (que contaban con autorización da Delegación do Goberno para a manifestación) os veciños que protestaban contra a ampliación da área de seguridade da Brilat de Figueirido, os estudantes contrarios ao Plan Bolonia e as cargas contra cidadáns que defendían o galego na Coruña, son outras das actuacións denunciadas polo MpDC. O colectivo tamén chamou a atención sobre unha investigación interna da policía por unha carga en Vigo e sobre a que a Inspección de Persoal se negou a informar.

Por outro lado estas cargas van acompañadas, cada vez máis, de xuízos rápidos nos que os corpos de seguridade buscan conseguir unha sentenza antes de seren denunciados polos manifestantes. Neste sentido, o MpDC lembra que, ademais, o 54% dos galegos consideran que a Xustiza non é imparcial e favorece aos funcionarios policiais neses casos.

Ademais, segundo o MpDC, a Delegación do Goberno non se cuestiona en ningún caso a actuación policial, incluso no caso da carga de Vigo no que os axentes denunciaron aso manifestantes por agresión pero non foron capaces de identificar ao ferido. Nalgún caso a Delegación negou a carga afirmando que “algunha señora se viu afectadas polo empurróns propios das manifestación”, referíndose a unhas manifestantes feridas.

Neste sentido o MpDC lembrou que xa realizou unha proposta de Axencia para controlar as actuacións policiais e lamentou a nula utilidade Consello Autonómico de Seguridade cidadán que non foi convocado desde a súa constitución, aínda cando temos o Xacobeo a poucos meses.

Igualdade perante a lei

Aos ollos do Movemento, é especialmente conflitivo todo o que se refire á igualdade perante a lei pola presunción de veracidade das declaracións dos Corpos e Forzas de Seguridade. Os representantes do colectivo lembran o caso dun profesor de Ortigueira que foi denunciado por un garda civil aínda cando este foi advertido polos viandantes de que a súa actuación era incorrecta.

O 56,8% dos galegos consideran que a Xustiza favorece aos políticos e ás administracións e esa é a impresión que deixa a denuncia contra Paco Vázquez por non acatar as sentenzas que obrigan a utilizar o topónimo oficial de A Coruña. Segundo o Xulgado, o antigo alcalde de A Coruña non tivo intención de desobedecer as sentenzas ao non cumprilas.

Honra, intimidade e imaxe

O avance da videovixilancia sen control, a saturación da Axencia Española de Protección de Datos e falta de interese da Delegación do Goberno en cumprir a normativa vixente agravan a situación do dereito á honra , intimidade e a propia imaxe.

No 2008 o Movemento demandou á Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense, o Concello de Lugo, ao Concello do Grove, ao Concello de Ares e gañou unha sentenza contra o de Compostela que ordena a retirada das cámaras ilegais da zona vella da cidade.

Os responsables de Movemento polos Dereitos Civís tamén destacan os ficheiros policiais ilegais atopados en Sada e sobre os que a Agencia Española de Protección de Datos decidiu non tomar ningunha medida. Non obstante, as cámaras de videovixilancia, denunciadas por eses mesmos policías locais, foron sancionadas pola Agencia.

Por último, o MpDC tamén denunciou no 2008 a gravación ilegal de detidos por parte dos axentes.

Liberdade de expresión

Como asunto máis rechamante no que a liberdade de expresión se refire, o MpDC destaca as xornadas de formación a Gardas Civís nos que se recomendaba tratar con especial atención aos cidadáns que portaran simboloxía nacionalista como os autocolantes GZ.

Sociedade