Sotavento celebrou a Semana da Mobilidade montando en bicicleta

Sotavento celebrou a Semana da Mobilidade montando en bicicleta

23 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Onte púxose fin na Fundación Sotavento a Semana Europea da Mobilidade, que se celebrou entre o 16 e o 22 deste mes. Esta iniciativa, que parte da Unión Europea, ten a intención de concienciar aos cidadáns das consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente.

Así, para chamar a atención sobre estes e outros aspectos, a Fundación Sotavento Galicia fomentou o uso de bicicletas neste período, ademais de facer especial fincapé nos contidos que esta instalación posúe en relación ao uso racional do transporte. Como parte da súa programación,  25 alumnos de 6º de primaria do CEIP Santa María de As Pontes realizaron a visita exterior a esta instalación xermandina empregando bicicletas, un vehículo exento de emisións contaminantes. Deste xeito, os rapaces puideron comprobar, mediante unha aplicación informática especialmente deseñada en Sotavento, as emisións de gases contaminantes que evitaron á atmosfera á vez que realizaban unha actividade física e lúdica.

 

Desde esta Fundación se especificaron algúns datos sobre a mobilidade na UE, como aqueles que indican que o vehículo privado é o responsable do 75% dos desprazamentos, dos cales o 50% son de menos de 5 km e o 30% non chega ós 3 km. Así, Sotavento recorda que por cada km recorrido estamos emitindo á atmosfera uns 178 g de CO2 cun coche de gasolina e uns 162 g cun diésel, emisións que podemos reducir significativamente facendo un uso máis racional deste vehículo.

 

Prazo de solicitudes de visita a Sotavento

O Parque Eólico Experimental Sotavento abriu, desde hoxe, o prazo para realizar a solicitude de visitas para o curso académico 2009/2010. A xestión da visita débese facer a través do seguinte teléfono: 981 563 777 (laborais). Para máis información: www.sotaventogalicia.com.

Sociedade