Sustentabilidade ambiental e mobilidade sostible, obxectivos do PXOM de Fene

Sustentabilidade ambiental e mobilidade sostible, obxectivos do PXOM de Fene

15 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A sustentabilidade ambiental e a mobilidade sostible son os obxectivos a conseguir na revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Fene. O vindeiro mércores dia 19 finaliza o período de consultas do diagnóstico e documento de inicio dun texto que deberá aprobarse en agosto do vindeiro ano 2012, segundo os prazos fixados.

A poboación de Fene rondará dentro de 14 anos entre os 14.000 e os 16.000 habitantes segundo as previsións do equipo de arquitectos redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal. A concellería de Urbanismo convocará a vindeira semana ao movemento asociativo para explicar as liñas básicas deste documento.

O documento incial remata o periodo de consultas o vindeiro mércores 19 e nel, segundo o concelleiro de Urbanismo, Manuel Ángel Rodríguez Carballeira, faise un diagnóstico da situación e recóllense unhas liñas básicas como a da reducción de núcleos urbanos e de a eliminación de áreas de planeamento que o concelleiro define como inexecutables a día de hoxe.

Tamén Esquerda Unida considera que o documento presentado polo momento non é definitivo e instan a escoitar a todas as partes implicadas cando chegue o momento de fixar as liñas máis importantes.

A clasificación do solo responde ás determinacións da Lei de Ordenación Urbana de Galicia. Por iso o solo urbano redúcese nas parroquias pasando a considerarse solo de núcleo rural, correspondendose a zonas actualmente clasificadas como solo urbano ou solo apto para urbanizar. Segundo o voceiro do Partido Popular Gumersindo Galego, os núcleos rurais poderán acumularse.

Máis crítico co documento se amosa o Bloque Nacionalista Galego. Indican os nacionalistas que os criterios para a redacción inicial foron presentados unicamente polo PSOE ao equipo redactor. Obviouse ás restantes forzas políticas ao movemento asociativo e á sociedade en xeral. Os nacionalistas critican a extensión nun millón de metros cadrados do polígono industrial de Vilar do Colo, cara á parroquia de Limodre. Ademais censuran a desaparición das centralidades urbanas nas parroquias e a reducción do solo urbano en Fene e Perlío.

O novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Fene incluirá á súa adaptación ao Plan de Ordenación do Litoral -que afecta a máis dun 85% do territorio municipal- e ás Directrices de Ordenación do Territorio.

Sociedade