A Terra Chá loitará contra as minas de cuarzo cun concerto o sábado en Muimenta

A Terra Chá loitará contra as minas de cuarzo cun concerto o sábado en Muimenta

16 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Deste xeito, o vindeiro 20 de marzo celebrarase na Casa da Cultura de Muimenta o X Concerto da Caravana Galiza non se Vende. Neste acto, ademais de poñer de manifesto a realidade á que se vería sometida a Terra Chá pola construción das minas de seixo, os asistentes gozarán da actuación de diversos grupos folk como  Mini e Mero (A quenlla), Caivanca, Buxos Verdes ou os Valuros de Castro de Rei. Tamén haberá animación e recital poético a cargo de Xurxo Souto, Fidel Fernán e Xavier Cordal.

O lugar escollido para levar a cabo este acto será Muimenta, pobo pertencente a un dos concellos máis afectados polas minas de extracción de cuarzo: Cospeito. Segundo sinalaron os membros do colectivo contra as minas, os concellos prexudicados cehgarían ata seis, entre os que destacan Cospeito, Castro de Rei, A Pastoriza e Abadín.

Ismael García, afectado pola concesión mineira e colaborador na organización do concerto, apuntou a facilidade coa que se organizaron as actuacións grazas a tódolos artistas que acudiron desinteresadamente a prol do combate contra o dano ecolóxico na Chaira. “Todos son conscientes da catástrofe que suporía a creación das minas”, explicaba Ismael.

Carlos Montero, o voceiro da Plataforma de Asociacións en contra das minas, quixo subliñar o “desastre ecolóxico e económico” que a creación destas minas nunha superficie de 1700 hectáreas suporía para as terras chairegas. Os veciños gandeiros e agrícolas da zona coinciden en sinalar o nefasto efecto que produciría o movemento das terras e a substracción do seu sistema de drenaxe, o seixo; quedando as terras improdutivas durante anos e ademais cun alto risco de convertérense en lugares inundables. Tampouco a construción sería traballo fácil, posto que os terreos inundados non deixarían asentar ben os cimentos de calquera edificio.

Juan Carlos Andión Río, Presidente da Cooperativa Copacios de Castro de Rei, explicou o protocolo que seguiría a empresa Erimsa, segundo o cal a firma alugaría os terreos aos labregos en lugar de expropiárllelos para logo devolvérllelos “estragados”, tal e como afirmaba Andión.

Margarida Prieto Ledo, a coordinadora comarcal do Sindicato Labrego Galego na Terra Chá, aproveitou para sinalar que o protocolo de redución de hectáreas asinado coa Consellería de Industria non era suficiente posto que en realidade non estaba modificada a concesión, a cal duraría 90 anos. A coordinadora afirmou  que non escatimarían en esforzos na loita.

Sociedade