Traballadores do Sergas concéntranse no Marcide polo recoñecemento profesional

Traballadores do Sergas concéntranse no Marcide polo recoñecemento profesional

30 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Rexeitar a intransixencia amosada pola Consellaría de Sanidade na negociación da carreira profesional. Con este fin concentrábanse esta mañá máis de 300 traballadores/as do Sergas do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Na protesta participaron persoal deste complexo hospitalario, do Hospital de Defensa e de atención primaria.

Os sindicatos CC.OO, CESM, CSIF, Sae, UXT e CIG-Saúde denuncian que o único servizo de saúde de España que non ten desenvolvido o réxime ordinario de carreira profesional para os seus empregados é o do Sergas.

O Goberno Central esgrime que non pode asumir ese custo. Destes xeito, os sanitarios do Sergas non gozan do dereito a unha carreira digna acorde co resto de carreiras negociadas e implantadas noutras Comunidades Autónomas.

Segundo o conxunto de sindicatos, os profesionais da saúde necesitan actualizar permanentemente os seus coñecementos. Unha cuestión xunto ao acceso a unha carreira profesional digna, incide negativamente na calidade de asistencia aos pacientes.

As organizacións sindicais esixen á Consellaría de Sanidade a inmediata convocatoria da Mesa Sectorial para negociar un modelo de carreira profesional xusta. No caso de que non se atendan estas demandas os sindicatos anuncian mobilizacións.

Sociedade