A UDC lembrase de Ricardo Carvalho Calero no centenario

A UDC lembrase de Ricardo Carvalho Calero no centenario

23 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Universidade da Coruña acolle dende mañán e ata o sabado as Xornadas adicadas a Ricardo Carvalho Calero, baixo o lema Ciencia, literatura e nación e organizadas pola área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña e máis pola Asociación Sociopedagóxica Galega, AS-PG. Conmemórase o centenario do seu nacemento en Ferrol. Inauguranse mañán mércores,ás 17.30 horas.

A primeira mesa redonda, leva por título, Ricardo Carvalho Calero na Memoria, moderada por Carme Fernández Pérez-Sanjulián e na que participarán Carmen Blanco, Araceli Herrero, Aurora Marco, Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán-Vello. A sesión de traballo inclúe a proxección do documental titulado Carvalho Calero: a posibilidade de rectificar a historia, de Francisco Salinas Portugal. Xa ás 21.00 horas a xornada rematará no teatro Rosalía de Castro cunha homenaxe escénica a Carvalho Calero, titulada Isto é o que nos foi dado. A primeira parte da montaxe consistirá nun recital a cargo de Lino Braxe, Flor Maceira, Santiago Fernández e Manu Clavijo, e a segunda parte será un concerto de Ugia Pedreira e Fred Martins.

O xoves 25 as sesións comezarán ás 18.00 horas e se centrarán no Pensamento, intervención e ciencia. Contarán coa intervención de Pilar García Negro, que disertará sobre o ensaio lingüístico e literario e moderará unha mesa redonda na que participarán Francisco Rodríguez, que falará sobre o compromiso co nacionalismo de Carvalho Calero, e José Luis Rodríguez, que centrará a súa intervención no seu labor universitario. A xornada concluirá coa presentación, ás 20.10 horas, do libro Cautivério de Fingoi: Os anos lugueses (1950-1965) de D. Ricardo Carvalho Calero e a proxección do vídeo inédito de R. Reimunde Noreña.

A xornada do venres centrarase na creación literaria de Carvalho Calero, e comezará con sesións de traballo sobre a súa poesía, coa intervención de Francisco Salinas e César Morán; a súa narrativa, sobre a que falarán Claudio Rodríguez Fer e Henrique Rabuñal, e sobre o seu teatro, coa participación de Laura Tato e Carlos C. Biscaíño.

Por último, a sesión de clausura do sábado 27 celebrarase en xornada de mañá, e comezará cunha mesa redonda sobre o pensamento lingüístico de Carvalho Calero moderada por Xosé R. Freixeiro Mato e na que participarán Rosario Álvarez Blanco, Martinho Montero Santalha, Goretti Sanmartín e Bernardo Penabade Rei. As xornadas concluirán cunha visita guiada á exposición sobre Carvalho Calero instalada na Casa Casares Quiroga da Coruña.

Sociedade