Un almanaque especial

O Concello de San Sadurniño felicítanos o Nadal e o Aninovo cun almanaque moi especial
09 de Decembro, 2019 - 12:13 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de San Sadurniño fixo unha tirada de 500 almanaques do 2020 que se distribuirán entre o tecido social e comercial. Quedarán copias no rexistro municipal e na Casa da Cultura para que calquera poida recollelas ata esgotar existencias.

En vísperas do Nadal, o centro de San Sadurniño engalanouse cun pequeno toque de luz e este ano por primeira vez tamén editou un almanaque para 2020 un tanto especial xa que nel, ademais dos días e meses, veremos unha imaxe distinta do seu territorio. E é que o calendario está ilustrado cunha ducia de fotos que reflicten o día a día de San Sadurniño desde o punto de vista da paisaxe, das actividades ou da tradición. O Concello fixo unha tirada de 500 exemplares que se distribuirán entre o tecido social e comercial. Tamén quedarán copias no rexistro municipal e na Casa da Cultura para que calquera poida recollelas ata esgotar existencias.

O almanaque é unha iniciativa da Concellaría de Cultura. A titular da área, Amparo Calvo, tivo a idea de preparar un calendario que mostrase San Sadurniño "dunha maneira distinta" ao que cabería agardar neste tipo de obras que sempre ven a luz neste momento do ano. De feito, e salvo excepcións, os almanaques ilústranse cunha única imaxe ou levan unha colección que atende a unha visión o máis atractiva da paisaxe. Porén, o de San Sadurniño racha con esa tradición non escrita para mostrar o municipio cunha combinación de espazos físicos -paisaxes, recunchos, detalles de patrimonio- con momentos humanos roubados en actividades municipais e incluso en festas parroquiais. Iso si, todas elas imaxes captadas nos meses aos que fan referencia e acompañadas dun título e un texto que reforzan o seu contido sen resumir necesariamente o que se está vendo.

Para a escolla das doce imaxes finais revisáronse máis dun milleiro de fotos do arquivo de Comunicación e  tras esa primeira escolma, as candidatas a formar parte do almanaque quedaron reducidas a arredor de medio cento. Finalmente elixíronse as 12 finais máis unha portada. As fotografías seleccionadas non son as máis espectaculares, en palabras da edil de Cultura, xa que o que se buscaba eran imaxes que transmitisen "un San Sadurniño real, fermoso, humano, vivo, sustentable, comprometido coa igualdade... construído día a día a base de pequenos momentos".

Cultura fixo unha tirada de 500 exemplares deste almanaque, que ten a estrutura clásica de media folla para foto e media para calendarios mensuais, ademais dunha última páxina para notas. O autor de todas as fotos: César Galdo/Entremedias Comunicación.

O Concello distribuirá 100 exemplares entre as asociacións, locais de hostalaría e comercios de todo o municipio. Tamén deixou 400 copias no mostrador do Rexistro Municipal e na Casa da Cultura para que calquera poida levar unha completamente de balde. E así que se acaben, acabáronse. 

(Na imaxe: mes de setembro, Carlos Cobelo -pregoeiro do San Pipote- co que se ilustra o remate do verán)

 

Institucional

Publica o teu comentario agora