Un animal non é un xoguete

Un animal non é un xoguete
10 de Decembro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Un animal non é un xoguete, afirman desde o Concello de Fene. Lanzan unha campaña en colaboración coa asociación Indican incidindo nesa mensaxe. A  decisión de incorporar un membro animal á familia hai que valorala con detemento, principalmente porque as máis das veces son as nenas e nenos quen piden traer unha mascota para a casa e, unha vez chega, os maiores delegan neles os coidados, que van moito máis aló que o feito de alimentalos ou sacalos pasear. "Coidar un animal non é algo que lle corresponda a un neno ou a unha nena. A rapazada non ten madurez suficiente para iso", apunta a veterinaria especializada en comportamento Noemi Graña. A experta engade que "moitos abandonos prodúcense por problemas condutuais" que non se saben xestionar.

ESCOITA O PODCAST:

Aquí podes escoitar Radio Animal:
http://173.255.131.18/audio/091222ANIMAL.mp3

Fotografía Ovidio Aldegunde

Radio Fene emite todos os mércores ás 11 da mañá o espazo "Radio Animal" onde se fala das mascotas dentro da Fenestra de Radio Fene. Para quen queira contar cun animal na familia,  se despois de meditala ben meditada se acaba tomando a decisión, desde Indican aconsellan a adopción en vez de compra. Por varios motivos: porque lles ofrece unha nova vida "en familia" a animais que están en refuxios -"seres vivos que senten", recordan desde a asociación- , porque se está colaborando no traballo que desenvolven as protectoras e, comenta Noemi , "porque fomentando a adopción reducimos todo este mercadeo que existe arredor dos animais. Incluso existen granxas dedicadas á reprodución onde os animais están en moi malas condicións".  

Tal e como apunta Lorena Fernández, da asociación Indican, a campaña presentada onte á tardiña na Casa do Concello céntrase "en disuadir a poboación de utilizar os animais como agasallos". Fernández insiste en que "non son peluches nin xoguetes, teñen unhas necesidades que cubrir".

A acción de concienciación veciñal lánzase ás portas do Nadal, "cando hai máis consumismo e se fan compras sen ningunha reflexión previa", precisa Lorena Fernández, e cunha mensaxe moi clara para as familias: "non é unha obriga ter un can, non é unha obriga ter un gato, non é unha obriga ter un coello, pero se o tes, cóidao con responsabilidade". 
 

 

Na fotografía de Ovidio Aldegunde, Noemí Graña, veterinaria da asociación Indican

Sociedade

Publica o teu comentario agora