Un desagravio ao ameneiro

Un desagravio ao ameneiro

19 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O ameneiro é a única árbore de Europa que ten unha fermosa folla ovalada, caseque redonda, que presenta na súa punta unha particularidade única: en lugar de rematar en punta, está máis ben truncada, cando non completamente escotada en forma de corazón. Abunda nas beiras de rios e regatos e, quizais por iso, non se lle da importancia ningunha.

A silueta do ameneiro é puntiaguda, esbelta e cónica. As polas cúbrense de moitos estróbilos, froitos en forma de conos,  de cor negra, parecidos a minúsculas pinabetas. O Alnus Glutinosa pode chegar a 30 metros de altura e a 100 anos de idade. A súa madeira utilizábase para facer zocas, mangos de ferramentas, lápices ou caixas para embalar. É moi resistente á auga, e súa codia posue moitos taninos, polo que se utilizaba na curtidoría. Arde moi rápido e se pode utilizar tamén para desparasitar unha estancia. As súas follas tenras alivian a dór dos pés despois dunha camiñata. Ao seu pé medran os fungos e baixo a súa sombra acobillanse as troitas. Fixa o nitróxeno atmosférico no chan, polo que á beira dun prado fará o mesmo efecto que botarlle nitramón.

O 21 de marzo celébrase o Dia Forestal Mundial e o 22 de marzo o Dia da Auga. Desas datas e do ameneiro, falamos esta semana no Zona Verde de Radio Fene.

Sociedade