Un durísimo golpe para a economía, segundo Jorquera

Un durísimo golpe para a economía, segundo Jorquera

15 de Xullo, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

"A suba do IVE é moito máis dura do que anunciou Rajoy na súa comparecencia no Congreso" afirmou o candidato do BNG á presidencia da Xunta Francisco Jorquera, xa que "moitos artigos e servizos pasan do 8 ao 21 por cento". O dirixente nacionalista vaticinou un "enorme" impacto no consumo.

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, emprazou este sábado ao presidente da Xunta a que «deixe de facer eleitoralismo en América con viaxes pagas con cartos públicos» e a que «asuma a súa responsabilidade, dando a cara e explicando como lle vai afectar á sociedade galega o Recortazo imposto polo Goberno Rajoy».

Nun encontro cos meios en Arteixo, celebrado antes de o candidato repartir material informativo do Día da Patria Galega 2012, Jorquera afirmou que o pobo galego «agarda aínda por explicacións» da Xunta de Galiza. O candidato do BNG estivo acompañado pola responsábel comarcal da formación nacionalista, Silvia Seixas; e pola viceportavoz do grupo parlamentar, Ana Luisa Bouza.

«Acabamos de viver un feito vergoñento», salientou Jorquera, «coa atitude da Xunta de Galiza no Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado o pasado xoves». Mentres Castela e León e Estremadura, tamén gobernadas polo PP, mantiveron unha posición «digna» ao non votar a favor dos recortes de Rajoy, Galiza, en cambio, si que deu a luz verde a medidas tremendamente lesivas para os intereses da inmensa maioría da sociedade galega.

«Feijóo, en vez de dar explicacións, en vez de dar a cara, optou por fuxir e por embarcarse nunha viaxe de claros tintes preeleitorais, pagada con fondos públicos», denunciou Jorquera.

Brutal agresión á inmensa maioría da sociedade

O candidato do BNG avaliou tamén o contido concreto das medidas adoptadas onte polo Consello de Ministros.

«Constitúen unha brutal agresión á inmensa maioría da sociedade e un durísimo golpe para a economía», analisou. Traerá como consecuencia «que pasaremos da Recesión a unha Grande Depresión», remarcou Jorquera, porque «vai levar aparellada a depresión do consumo e sen consumo non é posíbel saírmos da crise».

IVE: salvaxe incremento de 13 pontos en moitos artigos e servizos

Jorquera detívose especialmente na brutal suba do IVE: «É moito máis dura do que anunciou Rajoy na súa comparecencia no Congreso», reprobou, «até o ponto de moitos artigos e servizos pasar de suportar un tipo do 8 por cento a un tipo do 21″. «Isto supón un salvaxe incremento de 13 pontos», denunciou o líder nacionalista, quen vaticinou que o impacto no consumo será enorme con consecuencias devastadoras para as contas de resultados dos autónomos, dos pequenos comerciantes e da pequena e mediana empresa.

Salientou que o tipo xeral do IVE -fica agora no 21- sitúase 2 pontos por enriba do tipo xeral en Alemaña e Holanda e xa apenas 2 pontos por debaixo do que rexe en Grecia, Portugal e Irlanda, os tres Estados formalmente intervidos pola UE.

«Isto demostra que na práctica o Estado español está tamén intervido, e xa vimos os efeitos que estas políticas produciron nos Estados intervidos. Só cómpre ollar para como está Grecia, por pórmos un exemplo, cun paro gallopante e unha economía en franca depresión», alegou.

Concluíu o líder nacionalista que a política económica do PP consiste en submeter as condicións de vida das clases medias e traballadoras a unha «auténtica devaluación», mentres se reserva unha «xenerosa amnistía fiscal» para as rendas altas, os ricos, a banca e as grandes corporacións industriais.

Sociedade