Un máis da familia

Un máis da familia
31 de Outubro, 2022 - 12:44 h. | Publicada por Radio Fene

A pandemia alterou moitos hábitos na nosa vida. E non todos os cambios foron para peor. Un dos efectos que produciu é o gran aumento na cifra de persoas que teñen animais domésticos. Tamén en Fene, onde cans e gatos figuran á cabeza nas preferencias, segundo a impresión de Andrea Goti, xerente da perruquería canina Canciños. Desde o pasado mes de xuño funciona no número 63 da avenida Marqués de Figueroa este negocio especializado na hixiene e coidados dos cans. 

ESCOITA O PODCAST:

Yorkshire terrier, caniche, bichón maltés e, sobre todo mestizos, son as razas favoritas en Fene, onde tamén se detecta o aumento no número de mascotas. Segundo un recente informe, o ano pasado había en España 29 millóns de mascotas. Máis de 9 millóns eran cans. Nos coidados que precisan os cans é experta Goti. “Instaleime en Fene porque son de Barallobre e estamos a ter moi boa acollida, xa temos clientes habituais”, indica. Como boa amante dos animais, móstrase moi comprensiva cos animais e o estres que lles supón acudir a unha sesión de baño ou corte de pelo. 

 “O que máis nos piden os clientes é o corte de pelo, aquí ofrecemos cortes, baños, distintas técnicas de perruquería, tamén temos produtos de alimentación e accesorios”, explica. Deixar listo a un can pode levar ata tres ou catro horas de traballo. E como cada can é un mundo, as tarifas varían. Os clientes habituais poden beneficiarse de bonos, informa Andrea Goti, satisfeita porque xa son moitas as persoas que vén ás mascotas como un membro máis da familia

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora