Un paseo para recordar o Día de San Valentín

Un paseo para recordar o Día de San Valentín

11 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Ferrol convida aos mozos e mozas de Ferrol a participar este luns nun vídeofórum organizado pola Concellería de Xuventude co gallo da celebración do Día de San Valentín. Será ás 20.00 horas e incluirá a proxección da longametraxe “Un paseo para recordar”, de Adam Shankman, e o posterior debate e posta en común sobre a temática da cinta. A entrada á actividade é gratuíta.

Baseada na novela de Nicholas Sparks “Un paseo para recordar”, a cinta narra a historia de amor de dous mozos: Landon Carter (Shane West) e Jamie Sullivan (Mandy Moore). O mozo destacaba no instituto polo seu carácter temperamental e o seu aspecto e porque, xunto aos seus amigos, se adicaba a burlarse dos que non eran como el. Entre as peroas ás que criticaba atopábase Jamie, unha moza segura de si mesma, seria e conservadora para quen a fe era o máis importante na súa vida. Entre eles xurdirá unha inesperada historia de amor na que tras certos rexeitamentos e obstáculos iniciais o poder da fe e do amor entre ambos os dous porase a proba ao coñecer Landon que Jamie sofre unha enfermidade mortal. 

Segundo a concelleira de Xuventude, María López, elixiuse esta longametraxe xa que é a historia de dous mozos cos que se poden identificar perfectamente os espectadores. Ademais é unha obra relativamente actual (estreouse en España no ano 2003) e nela a música convírtese nun dos elementos de maior sentimento na trama, tendo un importante protagonismo. A emotividade e especial sensibilidade coa que se presenta a historia de amor é outra das razóns que levou a este departamento a elixir este filme para ser proxectado neste 14 de Febreiro, destacando a inclusión de diversos obstáculos que dificultan a consecución do amor verdadeiro da parella protagonista: os estereotipos sociais, a oposición de familiares e amigos, a enfermidade, etc.

Sociedade