Un percorrido sonoro e visual polas vidas de Lorca e Lois Pereiro

Un percorrido sonoro e visual polas vidas de Lorca e Lois Pereiro

24 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Ouvirmos vén de ampliar a súa colección de fotobiografías sonoras. A Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Avilés de Taramancos e Álvaro Cunqueiro súmanse agora Federico García Lorca e Lois Pereiro. O gran poeta español do século XX e o homenaxeado do Día das Letras Galegas no 2011 tiveron unha vida breve, faleceron aos 38 anos, pero moi intensa. A Fotobiografía

A Fotobiografía Sonora de Lorca ofrécenos un amplo catálogo fotográfico, onde podemos acceder a unhas 200 imaxes do álbum persoal do poeta granadino xunto a Falla, Dalí, Buñuel, Alberti ou Blanco Amor. A obra tamén inclúe dous CD´s, un deles con Lorca interpretando ao piano, acompañado de La Argentinita, cancións populares antigas. O outro disco contén unha selección dos seus poemas musicados por grandes artistas como Camarón, Serrat, Carlos Cano, Enrique Morente, Ana Belén, Santiago Auserón e moitos máis.

Fotobiografía Sonora de Lois Pereiro

O percorrido comeza co relato da historia familiar no Incio, de onde son orixinarios os pais do poeta. Continúa en Monforte, onde naceu Lois o 16 de febreiro de 1958 e onde transcorreu a súa infancia entre os Escolapios, os xogos no faiado, nas rúas e os veráns na aldea, como testemuñan as fotografías da época. Monforte é tamen o marco da adolescencia do poeta, unha cidade onde tentará satisfacer as súas inquedanzas, mergullándose na literatura, a música e o cine e onde axiña comezará a escribir os seus primeiros poemas en galego.

De Monforte vai para Madrid, onde se matriculará en francés, inglés e alemán na Escola Oficial de Idiomas a principios dos 70. Alí, vivirá unha etapa intensa chea de oportunidades culturais que desfrutará xunto á súa moza Piedad Cabo e ás novas e inquedas amizades como Manuel Rivas, Reimundo Patiño, Menchu Lamas… Xunto a eles participará na creación da xa mítica revista Loia. As imaxes desta etapa non só nos amosan a Lois en Madrid, no piso de estudante, na Casa de Campo ou no Rastro, senón tamén en destinos europeos como París ou Berlín. A etapa madrileña rematou en 1981 cun fatal episodio que marcaría o resto dos seus días: resultou ser un dos afectados pola intoxicación masiva do aceite desnaturalizado de colza.

A súa última etapa vital transcorre na cidade da Coruña. De volta a Galicia, mantense da dobraxe e participa na revista La Naval. En 1982 gana o premio de Poesía O Facho, e participa nos dous libros colectivos De amor e desamor (1984 e 1985). Consegue publicar a súa primeira obra, Poemas 1981/1991 e tres anos máis tarde Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995. Morre poucos meses despois, o 24 de maio de 1996. Un Lois de aspecto ensumido aparece xunto a familia, amigos, en eventos literarios e retratado por grandes fotógrafos neste capítulo.

Documentos Sonoros

O primeiro CD recolle a voz do propio autor nunha entrevista radiofónica concedida a Ana Romaní poucos meses antes da súa morte. Lino Braxe é o encargado de comentar este documento sonoro no artigo titulado “Perdido nas selvas de Indonesia”. O segundo CD inclúe unha selección dos seus poemas musicados por Manu Clavijo, Alexandro González, Fanny+Alexander, Nación Reixa e Radio Océano. Xurxo Souto asina o comentario de cada unha das cancións así como o artigo “A calma tensa”, no que analiza a relación de Lois coa música.

Fotobiografía Sonora de Lorca

Andrés Soria Olmedo, catedrático de Literatura Española da Universidade de Granada, é o encargado de presentar e contextualizar as palabras e versos de Lorca nesta obra, que nos permiten descubrir e achegarnos desde un novo ángulo ás imaxes que se suceden ao longo de máis de 200 páxinas.

A Fotobiografía xira ao redor de dez etapas vitais de Federico. Desde a súa infancia e mocidade en Granada, onde se suceden as estampas familiares; pasando pola súa estancia na Residencia de Estudantes en Madrid ou as escenas estivais xunto a Dalí no mar de Cadaqués; até a súa viaxe a Nova York ou os seus anos, percorrendo España coa Barraca.

Discos

O CD1, Cancións populares, presenta as interpretacións de dez cancións populares antigas, que Lorca fixo ao piano acompañado da voz da cantante e bailaora, Encarnación López Júlvez, máis coñecida como A Argentinita. Soria Omedo asina ademais o capítulo da Fotobiografía “Un cancionero vivente: A Argentinita e García Lorca, onde relata a atracción de Lorca pola música popular e a súa relación coa artista. Amizade esta, froito da cal, xurdiron as gravacións que aquí presentamos e que foron publicadas por La Voz do seu Amo ao longo de 1931 en 5 discos de 78 revolucións por minuto. Trátase de dez cancións populares que constitúen ademais o único documento sonoro que conservamos na actualidade do granadino.

O CD2, Poemas musicados, ofrécenos unha selección de cancións inspiradas polos versos de Lorca. Todas elas creadas por grandes artistas como Enrique Morente, Compay Segundo, Camarón ou Carlos Cano e acompañadas polo comentario musical de José Miguel López, veterano xornalista e director do programa Discópolis de Radio 3. Ademais, baixo o título de “García Lorca e os ritmos étnicos”, López incorpora tamén á Fotobiografía unha análise da interpretación que diferentes músicos realizaron da obra de Lorca -incluída a súa harmonización da Colección de cancións españolas antigas- a través das últimas décadas. E como pano de fondo, o retrato do Lorca músico antes que poeta, o creador de vangarda que se adiantou ao seu tempo, anticipando o que hoxe coñecemos, en linguaxe musical, como “ritmos étnicos”.

Cultura