Un servizo público para persoas con discapacidade

Un servizo público para persoas con discapacidade

14 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Unha concentración o mércores 17 diante da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela. Unha manifestación o sábado 20 en Ferrol. Son algunhas das accións programadas polos traballadores do antigo colexio para discapacitados Carmen Polo. Continuan tamén o seu peche indefinido no Concello ferrolán, reclamando que se manteña o carácter público do centro.

“Queremos unha residencia aberta durante todo o ano. Non estamos dacordo coa privatización pois algunhas familias poderán pagar o centro pero outras non”. Son palabras da coidadora social do antigo Colexio Carmen Polo de Ferrol, Teresa Lagares. A muller, nai dunha nena con síndrome de down, leva 27 anos traballando no centro para nenos con discapacidade, e amósase moi contrariada coa decisión da Xunta de subcontratar a xestión das instalacións. O tema é moi serio e aféctanos a todos e a todas. O noso lema é “hoxe imos nós e mañá vades vós” porque se continúa esta dinámica privatizadora ninguén vai quedar indemne a isto, declarou a coidadora social. Traballadores e traballadoras interinos con máis de 18 anos de antiguedade ven perigar os seus postos de traballo por mor desta medida e para onde vai toda esta xente, preguntou Teresa Lagares. 

”Eu antes que traballadora son nai e se non queren defender os nosos postos de traballo que o fagan por todos eses nenos e nenas”. Uns nenos especiais que sofren moitísimo os cambios e moitos deles terán que deixar o colexio e marchar para as súas casas. “Precisamos unha residencia porque estes nenos non van contar sempre cos pais e non poden defenderse sós na vida. No meu caso teño outros fillos que se poderían facer cargo dela pero non quero deixarlles esta carga”, explicou. 

A Xunta sinala que en moitos centros hai demasiada plantilla para o número de alumnos ao que Lagares responde que non coñecen a realidade destes nenos. Segundo as súas capacidades un só neno necesita de dous coidadores e noutros casos 8 nenos só precisan dun só, aclarou. Ademais sinalou que o Carmen Polo funcionou sempre ben e agora todo o esforzo se tira pola borda, segundo manifesta.

A conselleira de Traballo e Benestar Social Beatriz Mato confirmou esta semana no Parlamento a inmediata posta en marcha do centro “Souto de Leixa”, que dará unha atención específica aos maiores de 21 anos. De feito, nestas novas instalacións crearanse tres servizos que ata agora non existían: atención residencial, ocupacional e centro de día”, segundo indicou . O novo centro terá capacidade para 172 prazas, o que permitirá atender aos 161 usuarios maiores de 21 anos que estaban no antigo Carmen Polo, e permitirá crear tamén 11 prazas para novos usuarios. A conselleira precisou ademais que “as prazas serán públicas, o centro pertencerá a rede de centros públicos, e a coordinación do mesmo será tamén pública”. A Xunta dividirá a atención que antes prestaba o Colexio Carmen Polo, entre o novo centro "Souto de Leixa" para maiores de 21 anos e o colexio "Terra de Ferrol" para os menores desa idade.

Sociedade