Unha atención temperá pública e de calidade

Unha atención temperá pública e de calidade
21 de Marzo, 2020 - 08:43 h. | Publicada por Radio Ordes

Co gallo da conmemoración do Día Mundial da síndrome de Down, que se celebra hoxe en todo o mundo, as entidades Down de Galicia, en representación das persoas con esta alteración cromosómica e outras discapacidades intelectuais, alzan a súa voz para reclamar, unha vez máis, unha sociedade máis inclusiva, diversa e plural.

Dia Mundial Síndrome de Down

Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo como Día Mundial da Síndrome de Down. Establécese esta data, o 21 de marzo [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down. Nesta ocasión, e dada a situación de alarma que se está a vivir en todo o mundo, a Federación Down Galicia, xunto coa asociación Down Coruña, decidiron cancelar o acto que ambas entidades ían celebrar na cidade herculina este sábado 21 de marzo. Este evento incluía a entrega dos VII Premios Down Galicia, que teñen por obxecto recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares. Os premios, que serán entregados nunha data aínda por determinar, recaeron nesta ocasión en Vegalsa-Eroski, na categoría institucional, e en Carlos Negreira, na categoría particular.

Principais demandas do Movemento Down en Galicia

Son moitas as reivindicacións que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais levan poñendo de manifesto desde hai anos. Demandas amparadas na Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, aprobada pola ONU en 2006 e ratificada polo noso país o ano seguinte. 
En primeiro lugar, unha atención temperá pública e de calidade. Desde a Federación Down Galicia consideramos necesario ter regulada e funcionando unha rede pública e gratuíta de atención temperá que responda ás necesidades dos nenos e nenas de 0 a 6 anos. 

Unha educación inclusiva e non segregadora. 

Debemos ter en conta que se se segrega ao alumnado, sexa cal sexa a causa, sobre todo nunha idade temperá, non estamos avanzando na construción dunha sociedade tolerante e respectuosa coa diferenza e coa diversidade. A atención á diversidade é de vital importancia para a construción de sociedades máis xustas e enriquece tanto a aquelas persoas que presentan algunha dificultade como ao resto. 
Para promover e asegurar unha educación e unha aprendizaxe de calidade para as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais en igualdade de condicións que o resto do alumnado, debe existir unha regulación axeitada da atención á diversidade. Tamén se deben adaptar materiais e metodoloxías na aula e nos centros educativos; normalizar a prestación de apoios para que o alumnado con necesidades de apoio compartan non só espazos, senón tamén actividades e experiencias; e tamén regularizar as certificacións de estudos para garantir unha acreditación que permita ao alumnado con discapacidade con necesidades de apoio educativo lograr unha titulación para a continuación dos seus estudos ou para o desempeño laboral se superan as materias con adaptación curricular. Down Galicia aposta tamén polo emprego inclusivo, xa que o acceso a un posto de traballo é un dereito universalmente recoñecido. Desde a Federación demandan o aumento da inversión no eido do emprego inclusivo e unha aposta clara pola promoción de políticas de emprego de inclusión laboral na empresa ordinaria, en lugar da preferencia amosada por parte das administracións polos centros especiais de emprego. Tamén é necesario coñecer as necesidades de atención e diagnóstico no proceso de envellecemento das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Trátase dunha nova realidade que xa evidencia carencias existentes para afrontar esta situación, xa que en moitas ocasións se normaliza a deterioración física e/ou cognitiva como algo habitual das persoas con esta condición xenética. Por último, a Federación demanda a desaparición, por inaceptablemente discriminatoria, de calquera proceso, xudicial ou administrativo, polo que se retire, elimine, prohiba ou simplemente se restrinxa a capacidade de obrar dunha persoa por razón da súa discapacidade (as chamadas incapacitacións) e a eliminación de toda institución substitutiva da vontade civil das persoas con discapacidade, xa se trate de tutelas, curatelas ou calquera outra institución similar. No seu lugar, solicítase a instauración do novo sistema de apoios á capacidade de obrar, formulado pola Convención sobre os Dereitos das Persoas con discapacidade. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora