Unha nova escola infantil en Maniños ou Barallobre

Unha nova escola infantil en Maniños ou Barallobre

25 de Xaneiro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene decidirá nas vindeiras semanas a ubicación da nova escola infantil comprometida hoxe pola conselleira de Traballo e Benestar Beatriz Mato. Poderá optar por construila nos terreos da antiga escola do Carril en Barallobre, ou ben adaptar para ese cometido parte do Colexio Os Casais de Maniños. Mato reuniuse esta mañá co alcalde Gumersindo Galego e co conxunto da Corporación.

A nova escola infantil de Fene, que terá 41 prazas distribuídas en 3 unidades, permitirá aumentar nun 40 por cento a oferta para nenos e nenas de 0-3 anos da localidade. Coa posta en marcha deste centro, haberá un total de 102 prazas da rede A Galiña Azul neste municipio.

Así o resaltou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que se reuniu co alcalde da localidade, Gumersindo Galego. Na xuntanza tamén tomou parte a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo. Posteriormente, desprazáronse ata as dúas posibles ubicacións que acollerán o novo centro educativo.

O investimento para esta nova escola infantil ascenderá a 410.000 euros.

Este proxecto inscríbese na aposta do Goberno galego por “facer posible a conciliación da vida laboral e familiar”, destacou Mato. Para avanzar neste obxectivo, na pasada lexislatura puxéronse en marcha 3.000 prazas públicas, un 55 por cento máis das que había en 2009.

“Unha aposta á que imos dar continuidade na presente lexislatura. Catro anos nos que temos previsto crear 3.500 novas prazas”, salientou a titular do departamento autonómico. Ao respecto, precisou que deste total 2.100 xa están planificadas e asinadas en convenios e, destas, 700 estarán rematadas antes de que finalice este mesmo ano.

A conciliación, reflexionou Mato, “é un dos retos do noso tempo”, e supón ao mesmo tempo un dos ámbitos nos que se debe incidir para facer fronte ao “problema demográfico que sufre Galicial”. Por iso, a creación de prazas de 0-3 anos é un dos eixes principais do Plan de dinamización demográfica que se vai desenvolver esta lexislatura.
 

Sociedade