Unha partida para a fachada de A Xunqueira

O Pleno de Fene deberá aprobar mañá unhas modificacións de crédito para executar esta e outras obras
30 de Outubro, 2018 - 01:24 h. | Publicada por Radio Fene

Fene prevé investir uns 80.000 euros en obras na fachada do CPI A Xunqueira e nos vestiarios do campo dos Pinares. Levará a pleno mañá mércores unha modificación de crédito para financiar as actuacións con cargo ó remanente de tesourería . Tamén prevé o aglomerado de camiños por valor de 39.000 euros e a adquisición dun vehículo de atestados para a Policía Local por 58.000.

O Concello de Fene recurre ó superávit para financiar obras que considera necesarias. Por iso, PP e Somos Fene levarán ó pleno de mañá mércores unha modificación de crédito que permitirá dotar de orzamento unha serie de actuacións en materia de obras e equipamento. En concreto inclúe o aglomerado da rúa Do Forno e da rúa Os Casais, por un importe conxunto de 38.917 euros. Intervencións coas que dar resposta ó deteriorado estado do firme.

Tamén as obras de acondicionamento da fachada do CPI A Xunqueira, que requerirá dun investimento de 37.981,65 euros.  A reforma dos vestiarios do campo de fútbol dos Pinares, que precisará dun orzamento de 39.986,02 euros, e a creación dun punto de encontro na Galiña Azul, por un importe de 18.029,46 euros, e que suporá unha mellora nas condicións de seguridade do inmoble.

Por último, a proposta do equipo de goberno contempla tamén a adquisición dun vehículo de atestados para a Policía Local. Será cun investimento de 58.000 euros e traerá consigo unha mellora no labor dos axentes municipais. Un vehículo que permitirá realizar en mellores condicións os atestados e prestar un servizo óptimo.

O pleno, amáis de aprobar a modificación de crédito, deberá acordar a declaración das intervencións como investimentos financieramente sustentables. De aí, os acordos pasarían a publicación en boletín oficial e exposición pública por espazo de 15 días e, acto seguido, a contratación.

Institucional

Publica o teu comentario agora