Unha xornada infartante

Unha xornada infartante

27 de Maio, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Infartante vai ser a última xornada do campionato de Liga de Primeira División. O bo é que os dous equipos galegos teñen posibilidades de salvarse. O malo é que no mellor dos casos, só un permanecerá na categoría a próxima tempada, xa que catro equipos, os dous galegos e Zaragoza e Mallorca, loita por unha única praza de permanencia.

Quen mellor é o ten é o Deportivo da Coruña, que depende de si mesmo. E iso que os coruñeses perderon no campo do Málaga por 3-1 nun encontro no que xogaron ben, tiveron ocasións, pero cometeron uns erros fatais. Logo dunha primeira parte igualada, na última xogada dese período, un lanzamento de falta mal defendido foi aproveitado por Saviola para marcar no último intre antes do descanso. No segundo tempo, repetiuse a situación, con ocasións para os dous conxuntos, especialmente un testarazo de Riki que a piques estivo de ser gol para os galegos. Pero un erro de Aythami en defensa permitiu a Baptista anotar o 2-0. Salomao recortaría as diferenzas cun gol, aínda que pouco despois e co Dépor envocardo ao ataque, Isco, a estrela do Málaga, anotaría o 3-1 definitivo. O Deportivo ten 35 puntos e está fóra do descenso, cun punto de vantaxe sobre Zaragoza e Celta e dous sobre o Mallorca. Se gaña no último partido, en Riazor, á Real Sociedade, será equipo de Primeira División. O reto é complicado porque os vascos están a loitar por un posto na Liga de Campións. En caso de empate a puntos, os coruñeses gañan en todas as combinacións agás co Zaragoza, aínda que se empatasen Zaragoza, Celta e Deportivo, salvaríase o Dépor.

A xornada foi propicia para o Celta que foi o único capaz de gañar entre os equipos que queren fuxir do descenso. Gañou ao Valladolid no José Zorrilla por 0-2. Os equipo vigués puña máis intensidade e viveza aos seus ataques que o seu opoñente, xa salvado. Adiantouse no minuto 27 de partido tras o rexeite dun córner. Augusto peiteou no primeiro pau un centro de Krohn-Delhi que finalmente rematou coa testa ao fondo da rede Cabral.O Real Valladolid, despois deste golpe, espabilou e tivo varias ocasións, pero o Celta soubo resistir. No segundo tempo, os galegos botáronse ao ataque de novo. Iago Aspas fallou un man a man con Jaime pero non errou, no minuto 55, o penalti que decretou Estrada Fernández por man de Marc Valente. O seu disparo, forte e polo centro serviu para anotar o tanto definitivo. A partir de aí os vigueses viviron tranquilos o partido e sumaron tres puntos que lles dan esperanza para  a última xornada. Teñen 34 puntos, os mesmos que o Zaragoza, pero para manterse en primeira precisan gañar e que non o fagan nin os maños nin o Dépor. En caso de empate a puntos, o Celta gáñalle aos aragoneses, pero perde cos galegos.

O Lugo xa é matematicamente equipo de Segunda División para a próxima campaña. A mala xeira de resultados das últimas semanas, fixeron que nalgún momento se temese pola posibilidade de flirtear co descenso malia a boa tempada. E aínda que os lucenses sumaban sete partidos sen gañar, desta volta si o fixeron. Impuxéronse por 2-0 no Anxo Carro fronte ao Sabadell, vitoria que deixa aos de Quique Setién con 52 puntos e o suficientemente afastado dos seus perseguidores para non ter nada que temer xa cando só restan dúas xornadas para a clausura do campionato. O Lugo sitúase no posto 14 da táboa.

Deportes