Váise o maio de Lois Pereiro

Váise o maio de Lois Pereiro

30 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Poucos dias despois da morte de Lois Pereiro en 1996, o seu amigo, Manuel Rivas, escribiu unha ampla e sentida necrolóxica no xornal El Pais. As últimas palabras do escritor coruñés viñan a decir o seguinte: “Podemos decir que xace en tumba honorable, baixo a negra terra da aldea de Santa Cristina, na montaña máxica do Incio. E que tivo un enterro de rei, ao aire libre, sobrevoado polas golondrinas e co canto do cuco seguindo o ritmo das campá

Mercedes Queixas titulou "A urxencia poética dun futuro alleo" a sua biografía sobre Lois Pereiro. Ese título define moi ben o que foi a vida e sobretodo a obra do poeta de Monforte, algo urxente e sen futuro.
A sua vida, tan curta (38 anos) marcóu e condicionóu a sua voz poética. Fíxoa única, singular, tanto no seu tempo (anos 80) como se a comparamos coa historia da Literatura galega ata hoxe. Unha voz que ten presa porque para el non hai futuro, a enfermidade chega en 1981 cando ten só 23 anos e a morte está presentida dende anos antes de producirse.

 Lois Pereiro tivo unha vida curta pero intensa, un afán de coñecer, de saber qué se está facendo máis aló de Galicia, detrás do "telón de grelos". Un poeta culto que coñece tres idiomas: o alemán, o inglés e o francés, o que lle abre as portas ao mundo literario e o decide definitivamente a escribir en Galego, na língua propia.

    O autor doutra biografía de Pereiro, Iago Martínez (Lois Pereiro. Vida e obra. Ed Xerais) divide a traxectoria vital de Lois Pereiro en tres etapas, facendo unha especie de viaxe con el, tendo en conta que o principio e o fín están no Incio. Alí está o seu paraíso da infancia e tamén a fín. Alí quixo que o enterrasen, en Santa Cristina do Viso, de onde é a sua familia materna. Esa foi a sua primeira e última estación.
   

    
A 1ª parada:

Lévanos a Monforte. Alí está a primeira mocidade e a primeira formación de Lois Pereiro: O Instituto, as librerías, o cine, a música que lle gusta. Dí o seu irmán, Xosé Manuel Pereiro, que era un lector voraz dende pequeno e un deboto do cine e da música. Pero teñamos en conta que todos eses campos están limitados. Estamos nos primeiros anos dos 70 e aínda non morreu Franco, co que iso significa de prohibicións. Antes de facer o COU coñece a Piedad Cabo, que será a sua compañeira dende 1974. Con ela lé aos autores rusos que ela lle recomenda e aos ingleses dos que gosta máis el. Lía revitas sesudas como "Cuaderos para el diálogo" e outras de cine. Sabía de memoria películas, como "Metrópolis" de Fritz Lang, sen telas visto nunca, só polo que lía. Uns amigos que facían cursos de inglés os veráns en Londres traíanlle discos imposibles de atopar en España, por censurados ou prohibidos.

A 2ª parada:

Lévanos a Madrid, a onde vai estudar Socioloxía en 1976, con 18 anos. Estamos nos anos da recuperación da democracia, da apertura, das liberdades e de crer nos soños. Dende Madrid viaxa por moitas cidades e lugares de Europa, con Piedad, que tamén marcha a Madrid un ano despois del, para estudar Xornalismo.  El cambia de idea e ponse a estudar Traducción, para acceder ás literaturas doutros paises. Nestas coñece a todo un grupo de amizades do seu irmán Xosé Manuel. Entre eles están Manuel Rivas, Fermín Bouza, pintores e intelectuais como Antón Patiño,Menchu Lamas...Nese círculo nace a revista "Loia" na que Lois Pereiro publica os seus primeiros cinco poemas.

Estamos polo ano 1979, e programan unha viaxe no InterRail tralas suas obsesións literarias, polos paises celtas. En París siguen os pasos de Gertrude Stein; en Irlanda e Gales, os de James Joyce e Dylan Thomas. En Edimburgo viron os primeiros Punkis. No ano 80 seguiron ruta por Ámsterdam e volveron pola Bretaña francesa. En Nantes descubriron a Julio Verne e en Ruen visitaron a casa de Flaubert. Retornaron e mudaron a un piso da rua Extremadura de Madrid, moi perto de Reimundo Patiño, pintor e debuxante que tivo unha relación moi estreita con Xaquín Marín. Vivían, como se vivía daquelas, cun grupo de amigos de Monforte. Manolo Rivas tamén paraba por alí. Estes lembran como era a decoración do seu cuarto. Tiña fotos de escritores que admiraba e un mapa onde anotaba os lugares que visitou e aos que quería viaxar. O obnxecto máis curioso a banda de coroa de morto onde rezaba: "Recuerdo de tus hijos".

    A cidade ofrecíalles cousas que malamente lles podía ofrecer a vila de Monforte. A Filmoteca, as embaixadas alemá e

francesa proporcionábanlles unhas actividades culturais que os mantiñan enganchados ao cine e outras expresións artísticas. Teñen acceso a concertos de música que chegan á capital, os grupos extranxeiros máis de moda do momento, finais dos 70 comezos dos 80.

    A sua poesía está chea de citas de autores que lé e inspirada en letras de cancións, ou nas viaxes por Europa.

                En Leonberg (publicado en Loia)

                Aburrido
                un olor a café
                na indiferencia de Praga.
                Prumas na cabeza,verde artificial.
                Unha entrada excitante
                para un xogo final de namorados.

                Un tenor azul canta o turno da pasión cando
                cae o único inocente.

                Sobre o fondo exipcio
                a testa ladeada, de perfil.

     
    E chega a traxédia cando Lois Pereiro ten 23 anos.

En 1981 prodúcese uha salvaxe intoxicación- a adulteración do aceite de colza- un aceite industrial non apto para o consumo humano. Madrid é un dos lugares onde se introduce dun xeito masivo. A partir daí chega o deterioro físico de Lois Pereiro, a enfermidade, a dor, o empezo do fín. A partir daí, o seu corpo e a sua vida serán o tema principal da sua poesía. Unha agonía poética que durará 15 anos.

    A 3ª parada será A Coruña. Son os 80.

En 1983 viaxa con Piedad Cabo, no tren de novo, a Viena, Salzburgo, Berlín, Dusseldorf,Colonia e Munich. Volven por París.

En 1984 Edicións do Castro publica “De amor e desamor” o nome do grupo poético que Pereiro compartía na Coruña con Manuel Rivas, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello, Lino Braxe e algúns máis.
O seu irmán crea o grupo musical Radio Océano no que Lois se implica, inspirando cancións.
Ese ano sae a Revista "La Naval" e el forma parte do Consello de redacción. Aí escribe artigos e publica poemas.
No 85 remata a sua relación sentimental con Piedad Cabo. Nace outra revista "Luces de Galicia" dirixida por Manuel Rivas. No numero 0 publica "Dandy".

                O espello da elegancia dediante dos meus ollos
                e as pálpebras dormen un soño nervudo
                en liñas líquidas dos xestos debuxados
                nun rostro de crueldade aproximada á miña.

                
                Convírtome no medo no asasino
                e mentras pasa un anxo un ange passe
                todos quixeran ver despois da orxía
                se o que levo gardado é un pensamento
                enfiado en agullas de ironía.
                

O 24 de  xullo dese ano empeza a emitir a TVG e participa na traducción dos guións de series como “Dallas” No 1988 asina o guión do espacio "¿Qué é Galicia? .

En 1986 viaxa a Santander con outros artistas galegos para participar no Desembarco das Forzas Atroces do Noroeste. A Universidade Menéndez Pelayo organiza un debate entre os intelectuais do Norte e os do Mediterráneo que rematóu coa estrea da ópera de Antón Reixa “After Shave”.

1989 publica un relato inspirado nun capítulo dunha novela inacabada e inédita “Náufragos do paraíso”
En 1990 e 1991 volve viaxar, a París, Bretaña e Normandía, Bélxica, Ámsterdam e Alemaña, agora coa sua irmá Inés.

En maio de 1992 publicase o seu primeiro libro individual “ Poemas 1981-1991” en Edicións Positivas.

                Atrocity exhibition
                
                Deixa un bico no espello
                onde arde a miña sombra pola noite
                e que podrezan xuntas
                a imaxe da túa ausencia,
                silueteada en roxo cos teus lavres,
                e o perfil violento do meu soño
                que enxendra amor gris fume
                un odio carmesín
                e na lingua e nos dentes
                sangue e semen.

En 1993 viaxa coa sua nai  e irmáns a París, subindo por primeira vez nun avión. En 1994 ingresa grave no Juan Canalejo.
Dende ese momento no que xa non hai nada que facer, onde xa é consciente de que lle queda pouco de vida, empeza a escribir o seu testamento, unha especie de diario ou longa carta dirixida a Piedad Cabo que nese momento vive en San Francisco, nos EEUU. Chámase “Conversa ultramarina” e permanecerá inédita ate decembro de 2010.

A revista Dorna publica un adianto do que será o segundo libro de Lois Pereiro “Poesía última de amor e enfermidade” que finalmente publica Edicións Positivas no mes de decembro dese ano.

                
                Revisando os danos (Nadal 1994)

                A man dereita á dereita do corpo
                a man esquerda á esquerda.
                En plenas facultades,
                teño a cabeza no centro do mundo
                e voulle cambiando or argumentos
                ós meus soños escasos e prudentes.

Conversa Ultramarina

 

Dí Mercedes Queixas, e coinciden outros autores, que esta longa carta é  “como estar sentado con el cara a cara e escoitalo minuto a minuto”... “Ven ser unha especie de radiografía ou scaner de sí mesmo. Unha declaración de principios. Unha proposta vangardista e transgresora e unha defensa ética da nosa terra e do dereito á diferencia”.
En “Conversa ultramarina”, o seu corpo e a sua vida convírtense en motivo último da sua última obra.

O 31 de Xaneiro de 1995 presenta o libro no pub Moka da Coruña cun recital inzado de confidencias. É un tempo de idas e vidas ao hospital. O 24 de maio, o mesmo dia que se publica nos xornais a sentenza da colza, Lois Pereiro falece no cuarto 627 do hospital Juan Canalejo da Coruña.

Epitafio

O corpo de Lois Pereiro foi soterrado no camposanto de Santa Cristina do Viso, no Incio (Lugo) Na cerimonio soou a marcha do Antigo Reino de Galicia e sobre o sepulcro en terra escribiuse unha parte do epitafio que el escribira para sí: “ Unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria”   
En realidade a frase completa de Lois decía: “ Cuspídeme enriba cando pasedes/ por diante do lugar no que eu repouse/enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria”.

Sociedade