Verde que te quero verde

Verde que te quero verde
03 de Xullo, 2020 - 02:16 h. | Publicada por Radio Lugo

Salvar a fortaleza de Castroverde do século XIV é unha das teimas do historiador, filólogo e cronista da localidade, Ricardo Polín. 

ESCOITA O PODCAST:

A cor verde emblemática da localidade de Castroverde orixinou unha lenda protagonizada por “Veridius” antropónimo fundacional do que dixo Fernando Ónega que era "un dos topónimos máis bonitos do mundo". Quen nos relata isto é o historiador, filólogo e cronista oficial do concello de Castroverde (Lugo), Ricardo Polín. Este fálanos da fortaleza que aparece documentada como símbolo señorial en 1418, máis a súa construción enriba dun castro que dá nome ao concello, pode datar de mediados do século XIV.

“A fortaleza foi importantísima e resistiu ben as revoltas irmandiñas. Os Castro de Lemos dominaban todo o territorio” afirma Polín que sitúa o comezo do seu deterioro coa venda no século XVI á Casa de Altamira que a administraba a través doutras persoas. “Coa caída dos señoríos e o nacemento do municipalismo o inmoble divídese entre varios propietarios que o deixan caer no deterioro total”. Ricardo Polín loita por poñela en valor, convencido de que é un tema de sensibilidade. “As súas torres eran as máis temidas do entorno de Lucus Augusti” enfatiza, para engadir que a fortaleza se atopa nunha das rutas máis antigas de peregrinación a Santiago de Compostela. “Na actualidade está desviado o camiño de Castroverde e habería que corrixilo”.

Por se non bastaran os argumentos históricos, o cronista de Castroverde fálanos da ópera prima de Benito Vicetto "El caballero verde" editada en 1844 cando o autor ferrolán tiña apenas 16 anos. Polín encargouse da súa reedición hai uns anos porque “se trata da primeira novela histórica escrita en Galicia. É anterior a Cantares Gallegos de Rosalía de Castro”. A novela está ambientada en 1390 e a súa trama desenvólvese precisamente na fortaleza de Castroverde.

Cóntanos o historiador lucense que no ano 2000 houbo un intento de acordo entre o concello e os herdeiros que estivo a punto de materializarse. “É cuestión de volver a sentarse” sentencia Polín.

(Imaxe actual da fortaleza)

Cultura

Publica o teu comentario agora