A vexetación de ribeira do río Baa

A vexetación de ribeira do río Baa

27 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O río Baa, ao seu paso pola parroquia de Maniños, conta con varias zonas cos típicos bosques de ribeiras. Lugares de lecer, como o parque do Piñeiro, o parque fluvial do río Baa e a contorna do muíño do Pombal.  Neles consérvanse restos de vexetación de ribeira e, máis en concreto, as súas árbores máis características, os ameneiros.

Estos tres enclaves de Maniños constitúen lugares tranquilos onde o paso da auga engade un plus de paz. De feito, explica o xardiñeiro Antón Muñiz, a auga úsase moito en xardinería como elemento relaxante.

O parque do Piñeiro, á marxe da estrada da Armada, é un espazo pequeno creado nun meandro do Baa. Trátase dun recuncho propio para o descanso e xogos cun banco corrido parello á canle da fonte. Ademais do céspede, conta cun par de rocallas de distinto tamaño e algunhas queirogas. 

O parque fluvial do río Baa é un espazo máis grande que o anterior e, que tamén se presta ao descanso e ao paseo. Nel destaca unha zona de soto de grandes castiñeiros onde se atopan uns banquiños de madeira integrados nun rebaixo do terreo. O lugar posúe un lavadoiro restaurado e unhas pontes de madeira, ao estilo xaponés, que cruzan o cauce. Desde alí pódese chegar ata o muíño do Pombal. 

Os ameneiros son os exemplares de ribeira comúns nestes tres lugares, que nestas datas están en plena floración. O parque do Piñeiro só conta con este tipo de vexetación. Non así no do río Baa. Neste atópanse exemplares de freixos, algún de chopo, peches de vexetais mixtos como loureiros, bidueiros e algúnha ameixeira en flor. Ademais, existe un elemento singular, unha secuoia de considerable tamaño e bo estado de saúde. 

A antiga zona de horta no muíño do Pombal deixa a súa pegada coa presenza dun limoeiro con bastante froito. Tamén se albiscan algunha sebe de buxo e peches de loureiros á beira do carreiro que pasa pola edificación auxiliar do muíño.

Sociedade