Viñetas desde o Atlántico rende homenaxe ao creador de “The Spirit”

Viñetas desde o Atlántico rende homenaxe ao creador de “The Spirit”

09 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Exposicións, charlas, conferencias e unha feira de libreiros e editores protagonizan a XIII edición do salón de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, que arrinca hoxe en A Coruña e que se prolongará ata este domingo, 15 de agosto. Nesta edición os convidados serán o estadounidense Denis Kitchen, comisario dunha mostra r

O Palacio Municipal, o Palexco, o Kiosko Alfonso e a sala de exposicións Salvador de Madariaga son os espazos nos que se sitúan as exposicións. Denis Kitchen é o comisario da mostra retrospectiva sobre a obra de Will Eisner. Na escolma aparecen pranchas orixinais de cómics como The Spirit, Contrato con Deus ou O corazón da tormenta. Deste xeito, a organización de Viñetas fai realidade un soño perseguido desde os comezos do festival. Desgraciadamente, aínda que sempre estivo moi preto de aceptar a invitación, Will Eisner nunca puido coñecer A Coruña en vida. Para saldar esta débeda co autor, o festival réndelle unha homenaxe en forma de exposición.

E o portadista de The Sandman, Dave McKean, amosará tamén orixinais no festival, ao igual que o autor francés Émile Bravo, que sustentará a súa mostra no álbum Diario dun inxenuo, no que nos dá a súa versión sobre a orixe das aventuras de Spirou e Fantasio.

Desde Francia tamén visitará o salón a autora revelación do pasado Festival de Angoulême, Camille Jourdy, que visita por primeira vez España. A artista virá acompañada dunha exposición que revisará o seu traballo máis coñecido, a triloxía Rosalie Blum, pero onde tamén terán cabida os seus traballos de ilustración.

A presenza estatal estará protagonizada polo guionista Raule e o debuxante Roger, autores da éxitosa serie Jazz Maynard. Tamén estará en Viñetas o gaditano Carlos Pacheco e os seus debuxos de superheroes.

A presenza galega será dobre. Por unha banda Víctor Rivas, afincado en Cataluña, que leva máis de 20 anos de traballando e que chega á Coruña coa intención de presentarnos os seus últimos traballos, sobre todo a súa particular visión do mundo máxico de Harry Porrez.

Por outra banda, Daniel Montero, último gañador do Premio Castelao de Banda Deseñada, expoñerá a súa obra Sen mirar atrás, coa que gañou o galardón.

Os clásicos tamén teñen presenza no festival a través dunha exposición comisariada polo coleccionista Jaume Vaquer. A mostra recolle orixinais de autores como Winsor McCay, George Herriman, Alex Raymond, Chester Gould, George McManus, Frank Frazetta, Jack Kirby, Walt Kelly ou Charles Schulz.

Todos os convidados a Viñetas desde o Atlántico, ademais de ser protagonistas a través das exposicións, tamén participarán ao longo da semana en diversas charlas.

E durante estes días a rúa “Paseo de coches” convértese na “Rúa da BD”. Nela sitúanse as casetas da feira de libreiros e editores e a Carpa do Cómic. Neste espazo terán lugar as presentacións editoriais como a do último número de Polaquia; Sen mirar atrás, de Dani Montero; Steranko Superstar, de Angel de la Calle; ou A Mansión dos Murmurios de Tirso Cons e Javi Montes.

Cultura