Visitas guiadas dos colexios pola mostra “Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo”

Visitas guiadas dos colexios pola mostra “Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo”

19 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellería de Educación de Ferrol, convida aos centros de ensino da cidade a solicitar unha visita guiada á exposición biobibliográfica “Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo”. A mostra inaugurouse o pasado martes  no Centro Cultural Carvalho Calero. Os colexios interesados terán que acceder á web municipal www.ferrol.es/90-36educacion.aspx. cubrir a solicitude correspondente, que se

O horario das visitas guiadas é de luns a venres de 11 da mañá a 2 da tarde. Pódese optar por tres modalidades de visita: ver a exposición, visionar os vídeos temáticos sobre aspectos da vida e obra de Ricardo Carvaho Calero ou ambas as dúas opcións (neste caso deberase especificar nas solicitudes). O público en xeral pode visitar esta exposición de luns a venres, de 6 da tarde a  8 do serán e os sábados, de 11 da mañá a 2 da tarde e de e a 8 do serán. 

“Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo” inclúese no calendario de actividades deseñadas polo Concello de Ferrol para conmemorar o centenario do nacemento de Carvalho Calero en 2010. Unha mostra para lembrar e pór en valor a figura do intelectural e profesor ferrolán. Na súa montaxe contouse coa colaboración de familiares de Carvalho Calero, da Biblioteca do Parlamento Galego e da TVG. A exposición componse de libros, fotografías, escritos, documentos sobre diferentes etapas da vida do pensador ferrolán ou obxectos persoais como plumas, un bastón, o seu birrete, a súa medalla de membro da Real Academia Galega, un reloxo de pulseira ou un chisqueiro, entroutros. 

Ademais consta de diversos paneis con información relacionada coa biografía de Carvalho Calero, estruturados cronoloxicamente. Preséntanse baixo os títulos “1910-1926. Ferrol: nacemento, infancia e mocidade”; “1926-1932. Universitario en Santiago de Compostela”; “1932-1936. Ferrol e a República”; “1936-1941. Guerra Civil e cárcere”; “1941-1950. Regreso a Ferrol”; “1950-1965. Vida e traballo en Lugo”; “1965.1980. Profesor na Universidade de Santiago”; “1980-1990. Esperar contra toda esperanza”; “1990. Benvido á inmortalidade”; “Adicatorias a Carvalho Calero”, “Obra Póstuma, estudos e homenaxes” e “2010. Centenario desde o Concello de Ferrol”. 

Os vídeos da exposición son dunha temática moi variada e confórmanno un total de dez audiovisuais. A mostra tamén acolle os vídeo sobre o 60 aniversario do Colexio Fingoi de Lugo, onde Carvalho Calero exerceu a docencia ou das xornadas organizadas polo Concello de Ferrol a finais de 2010 co gallo do centenario do seu nacemento, entroutros. 

Segundo Mercedes Carbajales, todo o material dixitalizarase para volcalo posteriormente nuns paneis que quedarán como patrimonio do Concello a modo de exposición. A idea é ofrecela posteriormente a centros educativos, entidades ou institucións que desexen afondar na vida e obra de Carvalho Calero. Neste senso, xa foi solicitada polo IES Carvalho Calero, onde permanecerá unha vez se clausure no Centro Cultural do Inferniño.

Cultura