Vive o Entroido en Fene

Vive o Entroido en Fene

17 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Baixo este lema convídase a todos os veciños e veciñas de Fene, da comarca e do resto de Galicia a disfrutar do carnaval fenés, a celebración con máis tradición no municipio. Os días centrais son o martes, 8 de marzo, adicado aos máis pequenos e o Mércores de Cinza, 9 de marzo, o día grande dos festexos dirixido aos adultos. Con anterioridade, o xoves 3 de marzo, desenvolverase unha Mascarada de Conto a cargo de Ma

O martes, 8 de marzo, de cinco e media a nove e media, terá lugar a festa infantil coa actuación da Orquestra Madeira. No descanso ofrecerase a todos os nenos e nenas a tradicional degustación de lambetadas do entroido. Ás sete da tarde, a comparsa do enterro, acompañada da Xove Orquestra Local, percorrerá as rúas do concello, desde a Avenida do Mar, Marqués de Figueroa e Avenida Naturais para rematar na praza do Concello para velar o entroido. Ao día seguinte, Mércores de Cinza, as comparsas concentraranse na rúa Río Cádavo ás cinco e media da tarde. Daí partirán nun desfile polas rúas Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avenida  Naturais ata chegar á Praza do Concello. Alí, procederase á lectura do testamento polo xornalista Pichi Varela, á queima da falla e do boneco que este ano adicarase á Lei Antitabaco. Arredor das nove da noite comezará o baile de fin de festa arrufado pola Orquestra Trévol.  

A concelleira de Cultura, Carmen Silvar, subliñou as novidades que se presentan nesta edición. A diferencia doutros anos, puntuarase a temática, a posta en escea e as vestimentas das comparsas. Ademais, para favorecer a participación, auméntase o número dos integrantes das mesmas que pasan de 10 a 15 compoñentes como mínimo.

Pola súa banda, o alcalde de Fene, Iván Puentes, destacou a importancia do entroido fenés tanto no concello e comarca coma no resto de Galicia. O rexedor fenés asegurou que “se trata da programación máis atractiva de todos os carnavais galegos”.

As comparsas poderán apuntarse no rexistro municipal ata o 1 de marzo. Ao día seguinte, celebrarase unha xuntanza, ás seis da tarde na Casa da Cultura, para acordar a orde de participación.

Sociedade