A xenerosidade dos emigrantes

A xenerosidade dos emigrantes
06 de Setembro, 2023 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

Moitas persoas en Galicia puideron estudar grazas á xenerosidade dos emigrantes que investiron parte dos cartos que fixeron nos seus países de destino na creación de escolas. Sucedeu en moitos lugares de Galicia, tamén en Fene. Falamos coa responsable da Oficina Municipal de Turismo, Estefanía Purriños, sobre o labor da Sociedade de Instrucción e Recreo Naturais de Fene.

 

ESCOITA O PODCAST:

As escolas Concepción Arenal e Curros Enríquez creáronse grazas á Sociedade de Instrucción e Recreo Naturais de Fene, constituída o 6 de novembro de 1919 na cidade da Habana, en Cuba. O funcionamento das escolas nutríase das cotas dos socios, que completaban recadando fondos por outras vías. Estefanía Purriños contounos que organizaban festivais no salón da Unión Recreativa, en Fene, para incrementar os ingresos. O 18 de decembro de 1923 celebrouse un festival musical, coa seguinte tarifa de prezos; 1,5 pesetas a cadeira, 1 pesetas a xeral, pequenos sen dereito a asento 0,75 pesetas.



O crac económico do 29, provocou unha grave crise económica en Cuba, como nos contou a responsable de Turismo. Nese momento, moitos perderon os seus postos de traballo e outros retornaron á terra. Por esta razón a Sociedade disólvese o 4 de febreiro do 1930, pero outorgaron un poder notarial para que as escolas sexan doadas ó Concello que debe adicalas sempre a impartir ensino. A escritura de doazón ao Concello asinouse ante notario catro anos despois, o 9 de decembro do 34.

 

 

Na imaxe, concentración de xente na igrexa parroquial de Maniños. Anos 30. Arquivo Jorge Gómez.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora