Xermade súmase ao programa de Xantar na casa, que chega a 140 concellos galegos

Xermade súmase ao programa de Xantar na casa, que chega a 140 concellos galegos

15 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Xantar na casa beneficia a persoas maiores de 60 anos cunha autonomía persoal limitada, dependentes que carecen de apoio familiar e persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social dos 140 concellos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

 

En canto ao funcionamento, os usuarios reciben un día á semana a visita do repartidor, que lles entrega os xantares para os seguintes sete días envasados en barquetas individuais termoseladas. A comida é sometida a un proceso de abatemento que permite conservar as súas características e reducir os riscos de proliferación bacteriana. Estas barquetas poden introducirse directamente no microondas para quentar o xantar.

 

Os menús, que inclúen primeiro prato, segundo prato e sobremesa, son completos e equilibrados, están correctamente condimentados e se adaptan ás necesidades das persoas beneficiarias, así como á gastronomía local e á época do ano. Con motivo do Entroido, a vindeira semana incluirán cocido.

 

Terceira fase de implantación

O programa Xantar na Casa, que está presente xa en 140 concellos galegos, púxose en marcha en setembro de 2008; en decembro do mesmo ano entrou na súa segunda fase coa adhesión de 35 novos concellos, e coa terceira fase, que arrancou o pasado mes de setembro, preténdese chegar aos 1.500 usuarios.

 

Ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida das persoas maiores e/ou dependentes, e tamén das súas familias, permitindo que permanezan no seu entorno familiar e comunitario e retardando ou evitando a institucionalización.

 

Ao mesmo tempo, facilítase un respiro ás familias e aos coidadores e un seguimento e acompañamento de cada persoa beneficiaria do servizo por parte dos profesionais que acoden aos domicilios.

 

Boa aceptación

 

O pasado mes de decembro presentáronse os resultados dunha avaliación realizada tras o primeiro ano de funcionamento de Xantar na Casa. O estudo recollía opinións de usuarios, familiares e de traballadores sociais de concellos onde se presta este servizo.

 

Así, o 94 por cento dos usuarios considera boa ou moi boa a calidade do servizo. Destacan o desafogo que supón non ter que preocuparse pola comida e a importancia do factor humano da presenza do repartidor.

 

En canto á valoración dos familiares, máis do 90 por cento sinala que é totalmente ou moi necesario seguir dispoñendo do programa e case o 80 por cento considera que grazas a Xantar na Casa son capaces de conciliar máis facilmente a súa vida persoal e laboral cos coidados do seu familiar. Sobre os beneficios para o usuario, a maioría dos familiares subliñan a mellora da súa calidade de vida e do seu estado de ánimo.

 

Por último, as respostas dos traballadores sociais dos concellos apuntan que para o 93,5 por cento a calidade de vida dos usuarios mellorou bastante ou moito e o 76,6 por cento opina que tamén mellorou a súa saúde. Ademais, catro de cada cinco profesionais consideran que o programa supuxo unha mellora importante a nivel anímico.

Sociedade