Xornada no piñeiral e na praia de Ares para os alumn@s do Verán Máis Alá

Xornada no piñeiral e na praia de Ares para os alumn@s do Verán Máis Alá

15 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

De excursión marchan hoxe os alumnos/as do Verán Máis Alá de Fene. Cunha xornada de convivencia na que tomarán parte os 120 nenos/as que participan nesta actividade, o “programa lúdico-educativo infantil para a conciliación da vida familiar e laboral” organizado pola Concellería de Cultura, Deportes e Xuventude de Fene completa a súa primeira quincena de actividades.

“Experimentar co corpo, cos ritmos, coa música e con todo tipo de materiais e texturas”, é un dos obxectivos que os responsable do Verán Máis Alá de Fene fixaron este ano para un programa que, en termos xerais, xira desta vez en torno ao mundo das artes. A maiores, o Verán Máis Alá defínese como “un espazo de risas e xogos no que se practica e fomenta o galego como lingua de uso, se promoven os valores da igualdade, a participación e o traballo en grupo”.

Nesta primeira quincena do Verán Máis Alá celebrouse xa a Semana Artística (con actividades como manualidades, ioga, danza do ventre ou karate) e a Semana da Expresión Corporal (con danza, salsa, baile galego, estiramentos, etc). A maiores, os nen@s participantes realizaron xogos e actividades na piscina municipal de Centieiras.

No que resta de programa, durante a segunda quincena do mes de xullo, os alumn@s do Verán Máis Alá visitarán o Parque de Educación Viaria, o parque da Galaxia Imaxinaria e o Museo do Humor de Fene. Tamén se convertirán en protagonistas dun “lipdub” (vídeo musical realizado por un grupo de persoas que sincronizan os seu beizos, xestos e movementos cunha canción popular ou calquera outra fonte musical) no colexio de Centieiras e dun “flashmob” (acción organizada na que un grande grupo de persoas se reúne de súpeto nun lugar público, realiza algo inusual e logo se dispersa rápidamente) nunha praza do concello. Xa o último día, o vindeiro 29 de xullo está previsto que se celebre nas instalacións do Pote de Maniños unha xornada de convivencia á que están convidadas as familias dos nen@s participantes e na que haberá xogos populares, bailes e mesmo unha actuación de maxia.

Sociedade