Xosé Estévez: “Empecei a militar no nacionalismo en segundo curso de Teoloxía”

Xosé Estévez: “Empecei a militar no nacionalismo en segundo curso de Teoloxía”

22 de Abril, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

“Díxome: 'Debes escribir as memorias daqueles dous anos que estiveches de crego na Fonsagrada'. Manuel María foi o primeiro que me animou”. En agradecemento a aquel consello, Xosé Estévez presentou na Casa Museo dedicada ao poeta chairego un volume de memorias que funciona como “relato etnográfico, xeográfico e artístico”, explica. “Un crego atípico na Fons

Xosé Estévez foi un crego “atípico” porque na época tardofranquista xa comezou a amosar outros intereses para alén do Evanxeo. Nas parroquias que tivo ao cargo, San Cristovo de Cuíñas e Santiago de Freixido, interesouse por facer “un labor tamén social e moral”. Xa no Seminario lembra que un grupo de mozos lle enviou “unha carta ao bispo para que entrase a formación nova derivada do Concilio Vaticano II que esixía unha preparación diferente para os tempos que corrían”. Naquela altura, en 1965, Xosé Estévez xa era un comprometido nacionalista galego: “Empecei a militar en segundo de Teoloxía”.

No exercicio do seu sacerdocio na Fonsagrada, distinguíuse dos curas tradicionais: “Os cregos eran de misa e ola, de oficiar os sacramentos e non ter máis contacto cos veciños”. El decidíu non cobrar todas as cerimonias e colaborar nos traballos comúns, como o amaño de fontes e camiños, a recadación de fondos para escursións dos mozos, as festas, etc. O libro que agora presenta “é un retrato da comarca porque hai parte primeira dedicada a relatar costumes e tradicións”, como as 'polavilas', xuntanzas nouturnas nas que se contaban romances, bailábase e se facía unha sobrecea antes de retornar á casa baixo a luz dos fachóns. “Hai outra parte dedicado ao que eu fixen de novidoso”, explica Xosé Estévez, con espazo para falar dos “decálogos de conduta, misas en galego, enfrontamento coa autoridade e poderes fácticos, problemas dos cregos de sexualidade, afectividade e soidade, problemas dos veciños...”.

Ao ano de deixar a Fonsagrada por Madrid, Estévez abandonou tamén o hábito tras coñecer a unha estudante de Donosti. “Eu fixen a carreira traballando na construción da M30, entre Vallecas e Madrid, logo mirei en Galiza e non había traballo”. Así foi como rematou en Bilbao, e finalmente na Universidade supervisada polos xesuítas. Preto da Igrexa de novo, mais sempre “atípico”, como lembra nesta obra.

Cultura