ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Nas últimas semanas a Xunta de Galicia ven de conceder máis de cinco millóns e medio de euros aos medios de comunicación en castelán. Nas bases de concesión desas axudas non se contempla en ningún baremo a utilización do idioma galego, polo que, á luz do ocurrido en ocasións anteriores, a cantidade destinada aos medios que utilizan o galego será moi próxima a cero, segundo denuncia o xornal dixital Galicia Confidencial
A Xunta é un saco sen fondo para os grandes medios de comunicación, especialmente, cando se aproxima unha campaña electoral. Nos últimos meses e semanas ten destinado 2,5 millóns de euros de fondos europeos para “sensibilizar”, aínda máis, á poboación galega e “aos sectores implicados sobre os valores do turismo en Galicia. Tamén aportou 600.000 euros para contratar unha nova campaña publicitaria de dinamización demográfica de Galicia para o 2015 e 300.000 que a Secretaría xeral de Medios da Xunta acaba de concederlle aos medios tradicionais galegos a través de convenios.
E a todas estas axudas, súmase outra da Consellería de Economía e Industria por valor de outros dous millóns de euros para desenvolver unha campaña publicitaria para que os medios falen do ben que vai a economía do país e das súas posibilidades futuras. En total, 5,5 millóns de euros de fondos públicos, é dicir, de todos os galegos, para pagar páxinas, espazos radiofónicos e televisivos e bánners dixitais, principalmente, nos medios de sempre, os dos grandes grupos de comunicación de Galicia.
Esta nova campaña de Economía, que leva por título “A innovación e a competitividade na industria de Galicia: Cara a fábrica do futuro”, quere “continuar promovendo a reactivación e a dinamización da economía galega” xa que “o Goberno galego está a traballar no asentamento dunhas bases sólidas que permitan fortalecer a economía e artellar un modelo produtivo xerador de riqueza e emprego”. Iso, cando menos, é o que recolle o prego de condicións desta campaña.
Por iso, eses dous millóns de euros están destinados á contratación da creatividade, o deseño, a produción de materiais e a inserción de publicidade en diversos medios e soportes dunha campaña publicitaria. O seu obxectivo é “sensibilizar á poboación sobre os valores de Galicia como unha terra solvente para o desenvolvemento de proxectos e investimentos que a levarán cara ao crecemento e a xeración de emprego”.
De feito, o prego do concurso recolle que a comunidade é “unha terra sólida, unha terra na que confiar, tanto pola calidade das súas xentes, como pola calidade e capacidade competitiva das súas empresas, da súa industria e dos seus produtos”.
“Trátase de destacar que para que Galicia progrese e medre, é necesario reinventar a nosa industria cara a unha industria moderna, a través do impulso da innovación para a creación de fábricas intelixentes, fábricas de futuro; unha industria competitiva, con novas fórmulas de produción; unha industria diferenciada, capaz de xerar produtos de alto valor engadido; e unha industria sostible e xeradora de emprego de calidade”, engade.
Por iso, eses dous millóns de euros que se lle van pagar aos medios deberán servir para “sensibilizar aos emprendedores, empresarios, industrias e a sociedade galega en xeral de que Galicia é unha terra cun alto potencial para o desenvolvemento de fábricas intelixentes que abran novas oportunidades de futuro”.
Tamén, destaca Economía, a campaña deberá reflectir que a Xunta “quere acompañar ás empresas na mellora dos seus procesos, no impulso da innovación, na súa aposta polas tecnoloxías facilitadoras así como promover a hibridación de sectores para aportar valor engadido aos procesos e produtos e impulsar a competitividade”.
Eses dous millóns de euros que recibirán os medios serán con cargo aos orzamentos da comunidade para as anualidades 2015 e 2016 e o importe dividirase en dous lotes. O primeiro, de 70.000 euros, será para elaborar a creatividade, deseño e produción da campaña. O segundo, de 1,93 millóns será para a estratexia de medios e difusión da campaña; 980.000 euros para o 2015 e 911.000 para o 2016.