Yeni Sanmartín. A voz feita milagre

Yeni Sanmartín. A voz feita milagre

30 de Xaneiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Licenciada en Arte Dramático, a ferrolá Eugenia Sanmartín Alonso, recibe o bautismo como cantante en 1999 en La Boca del Lobo (Madrid) convidada polo grupo Livre Percussâo. Eugenia Sanmartín ou "Yeni Bossa" , como reza na convocatoria, actúa mañá sabado no Bar Pinsapo na rúa María de Ferrol, no contorno da praza de Amboaxe, ás doce da noite. É a súa primeira aparición en Galicia.

Natural de Ferrol, despois de anos de formación e dunha carreira musical dilatada en Madrid, retorna á súa terra. Unidos do ZumZuêh, Divadumdá, Barataria, Serbal dúo ou Manos de Terra, son algunhas das agrupacións nas que participou. A música brasileira e o jazz agroman nestas experiencias. Estudou Canto con Miguel Tubia, e hixiene da voz con Roxana Coll, entre outros, amáis de percusión brasileira e guitarra.

Neste primeiro concerto estará acompañada á percusión por Segio (Os Silvestres). Unha boa oportunidade de escoitar cancións da música brasileira, outros temas de diferentes procedencias e algúns propios, escritos e musicados pola artista.

En Radio Fene tivemos o pracer de escoitala esta mañá no programa "A Fenestra" e agora de compartila co vos. Conversamos con Yeni Sanmartín.

Sociedade