“¿Quién vive ahí?” (La Sexta, 22.15 h.)

Programa: 
Televisión

O apartamento, de 28 metros cadrados, minguou por que está na Gran Vía de Madrid, un sitio de concentración onde moita xente quere vivir. O seu propietario tentará demostrarnos que en tan pequeno espazo está todo o preciso para vivir confortablemente. Se coincidimos en que a especie humana avanza cara un tipo de ser que permanece a maior parte do tempo sentado, coincidiremos en que un sofá-cama abondará por toda decoración. Engadámoslle unha conexión a internet como fiestra ao mundo para substituir a necesidade de ventás reais; un penico abondará para a hixiene diaria, e mesmo o poderemos baleirar na rúa, onde os nosos detritos se mesturarán coa polución crecente; e, no que se refire á alimentación, mentres teñamos un teléfono móbil podemos encargas pizzas e comida china. Se o pensamos ben, case todos eses servizos tamén os podemos ter a man dende un cadaleito, que é verdadeiramente a mínima expresión dos receptáculos humanos e o que a nosa maneira de entender a habitabilidade nos leva a aceptar. Disque nesta edición de “¿Quién vive ahí?” tamén sairá un rancho xigantesco con casa de 800 metros cadrados. Se necesitamos unha proba de que o mundo está mal repartido, témola en La Sexta a partir das dez e cuarto.