“Callejeros. Cárcel, la película” (Cuatro, 22.30 h.)

Programa: 
Televisión

Á vida entre catro paredes se dedicaron filmes maxestosos como “Cadea perpetua” ou “A Fuga de Alcatraz”, así como a sensación do cine español dos últimos tempos: “Cela 211”. Ao cranio rapado de Tosar e ao acento de yonki de Labañou de Luís Zahera lle debemos a metade do furor actual polo tema das prisións. A outra metade vai para Julián Muñoz e as súas entradas e saídas do trullo coa única protección dunha carpeta con gomas sostida entre as mans. As crónicas do lumpen en que se converteu “Callejeros” decide subir a súa aposta e converter a reportaxe desta semana nun filme no que veremos algo inaudito: a vida real de funcionarios e presos nas ateigadas cárceres españolas. Seguramente non haberá pastillas de xabrón no chan das duchas, nin protestas golpeando con copas de lata contra os barrotes, pero estaría ben ver a vida dos defraudadores millonarios a golpe de teléfono móbil manexando o seu patrimonio dende a clausura temporal. Aínda que tratándose do programa que é, mellor agardemos o truculento. “Callejeros Cárcel” emítese ás dez e media da noite en Cuatro.