“Climas extremos” (La 1, 00 h.)

Programa: 
Televisión

Sonche os intérpretes das isóbaras uns dos personaxes máis discutidos pero tamén máis queridos da televisión polas súas gráciles coreografías sobre o gráfico do Meteosat e o vital da súa información para as nosas vidas. A algúns, como na TVG, bótanos á rúa porque coidan que non os precisan, e outros, como o antigo oráculo de Telecinco fan carreira alén dos seus tres minutos de gloria diaria. Logo dunha experiencia como copresentador do reality “Supervivientes”, Picazo estrea en La 1 de Televisión Española o programa “Climas extremos” no que visita algúns lugares do planeta con  condicións climáticas pésimas. No primeiro programa decidiu pasar frío do bo e por moito que eu pensase que ía catar a insuperable humidade que come os ósos á beira do Anllóns, en Carballo, capital de Bergantiños, seica visita Oymyakon, en Siberia, que pasa por ser a vila máis xélida do planeta, con medias de 50 graos baixo cero e o récord de -71 para un lugar habitado polo ser humano. Mario, dende aquí cho digo, leva bufanda. “Climas extremos” estréase á medianoite.