“Comando Actualidad: Menos humos” (TVE, 22.15 h.)

Programa: 
Televisión

"Comando Actualidad" analiza esta noite os efectos máis inmediatos da aplicación da lei antitabaco, entre os que, ademais dos novos cheiros substitutivos, podemos colocar tamén esa especie de saída de túnel de vestiarios na que se convirte pasear por unha rúa chea de bares. Xa non é a primeira vez que me dan gañas de chocarlle a man a toda a xente que forma un corredor humanos ás dúas beiras do camiño, como se estivese a piques de saltar ao céspede de Riazor, até que reparo en que son as vítimas do éxodo do cigarro concentradas ás portas dos locais. O espazo de reportaxes da televisión pública prefire fixarse nas consecuencias económicas para os hostaleiros e produtores de tabaco, así como nas experiencias persoais das persoas que chamaban aos seus pulmóns As Pontes e Meirama e que agora se senten acurraladas por este furor saudable e, polo que parece, cheirento. “Menos humos” é unha reportaxe que se emite ás dez e cuarto da noite en La Primera.